parlamento galego

BNG acusa á Xunta de boicotear a declaración de zonas tensionadas para impedir que se limiten os prezos dos alugueres

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Alexandra Fernández exixe elaborar unha declaración de zonas tensionadas “a primeira de áreas  de Galiza” co fin de regular os prezos e garantir o dereito a unha vivenda digna

O BNG recrimina ao PP a reforma da lei de vivenda “pola porta de atrás” para non exercer as súas competencias e desviar a responsabilidade aos concellos

O BNG acusa ao  PP, dende a Xunta de Galiza, de facer  un auténtico boicot á declaración de zonas tensionadas co obxectivo de que non se limiten os prezos dos alugueres.

A deputada do BNG, Alexandra Fernández salienta o “brutal   incremento  de prezos en Galiza, especialmente en ámbitos urbanos e zonas con presión turística”, e critica que  a Xunta de Galiza “en lugar de intentar pórlle freo a situación traballa para que non se apliquen os topes dos prezos”.

Ao seu xuízo, “todas as actuacións da Xunta van encamiñadas a pór atrancos á limitación de prezos” e para mostra, “a reforma legal” da Lei da vivenda “pola porta de atrás”, utilizando a  Lei de Acompañamento dos Orzamentos 2024.

Nesa reforma, explica a nacionalista,  a Xunta  intentou eximirse das súas responsabilidades como Administración competente en vivenda desviando a súa responsabilidade na tramitación de áreas tensionadas aos concellos, e  atar ás administracións locais “de pés e mans”, cunha serie de esixencias para que  ningún concello consiga sacar adiante a declaración de zona tensionada. Entre esas esixencias están, por exemplo, a obrigatoriedade de facer unha mesa coa patronal inmobiliaria e contar co seu visto bo.

Ou, que a pesar de cumprir cos criterios establecidos coa lei, a Xunta se reserva a capacidade de tomar a decisión final ou deixar caer a proposta, en base a criterios tan abstractos como “posibles efectos negativos” en base ás actas da mesa coa patronal. “Un escándalo” en opinión da nacionalista.

 Alexandra Fernández considera que ante a esixencia de contar “co visto bo da patronal” é preciso lembrar que os obxectivo da limitación de prezos é garantir o dereito social de acceso a unha vivenda digna ante un aumento brutal dos prezos. A modificación que introduce pasa por riba dese dereito pero o PP, denuncia  a nacionalista só busca “blindar beneficios empresariais por riba do dereito á vivenda” Para iso establecen que aínda que se cumpran os criterios para declarar unha área como tensionada, “a patronal e a Xunta, en complicidade, poidan paralizar a declaración para manter beneficios”.

Dende o BNG, recalca a deputada, esiximos “un cambio de actitude da Xunta” e que abandone o permanente  “boicot ás propostas útiles para Galiza”.

O BNG exixe a primeira declaración de áreas tensionadas en Galiza

Neste sentido, Fernandez asegura que a Xunta debe empregar as competencias propias para adecuar a aplicación das áreas tensionadas á nosa realidade urbana polo que solicitamos a elaboración “da primeira   declaración de áreas tensionadas de Galiza”, cunha perspectiva global a nivel de país  como xa  fixo Cataluña.

Urxe intervir os prezos dende unha perspectiva integral

A intervención sobre os prezos do aluguer, engade Fernandez, debe ir máis alá dos topes de prezos e ir acompañada de políticas de vivenda que contribúan a rebaixar os prezos a través de políticas de: “Actuación sobre a vivenda baleira, a planificación e regulación de usos do parque residencial (VUT),  impulso da vivenda pública e a vivenda protexida e os topes de prezos.

Dende o BNG entendemos que “estes catro eixos constitúen o armazón para a intervención sobre os prezos da vivenda activándoos de maneira  conxunta”.

Finalmente, a deputada do BNG insiste na “parálise” da política de vivenda do PP e de bloquear calquera medida, regulación ou impulso de vivenda protexida para colocar a Galiza na vangarda das políticas de vivenda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG