Ana Pontón ante o veto do PP: “O histórico para incluír nun vídeo sería que deixen de aplicar o rodillo”

Olalla Rodil e Ana Pontón
Olalla Rodil e Ana Pontón

Se a Cifuentes lle din que hai 3.500M€ para as autoestradas de Galiza e cero para Madrid “arde Troia”, o que contrasta co “si bwana de Feijóo”

Feijóo non comparecerá para explicarse sobre o segundo veto a AP9 e a situación do transporte público

Ana Pontón ante o veto do PP: “O histórico para incluír nun vídeo sería que deixen de aplicar o rodillo”

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou o veto do PP á comparecencia do presidente da Xunta para explicar cal é a estratexia do Executivo ante o segundo veto de Rajoy á transferencia da AP9 e sobre a situación do transporte público, coa supresión do transporte escolar e a presentación dunha denuncia contra o plan da Xunta.

“Onte o PP sacaba un vídeo no que presumía de facer historia comparándose coa chegada do home a lúa ou coa caída do muro de Berlín. Unha hipérbole que sería para rir, senón fose porque sacan peito cunha recuperación que a maioría da familias non ve”, replicou Pontón.

“Saben o que sería histórico? Que o PP deixe de usar o rodillo neste Parlamento e negociara algo cos grupos da oposición, sería digno dun vídeo”, ironizou, tras ver como o grupo do Goberno vetaba na Deputación Permanente a solicitude de comparecencia de Feijóo, como leva feito de xeito sistemático desde 2011, “e así ata o final”.

Para o Bloque, era necesario que o presidente da Xunta aclarase a súa oposición tras o anunciado segundo veto á transferencia da AP9, “porque máis parece que se puxo a camiseta do Ministerio de Fomento, que a camiseta de Galiza”.

“Estou absolutamente convencida de que se en vez de estar no Parlamento de Galiza estivésemos no de Madrid e viran como se rescatan as autoestradas galegas con 3.500M€ e a eles se lles dixera que hai cero euros para rescatar as súas,  a señora Cifuentes non sei se daría un golpe na mesa pero desde logo estaría ardendo Troia”, salientou replicando ao reproche do PP contrario a exercer a autoridade do Parlamento.

“O problema é que aquí temos ao señor Feijóo dicindo si bwana a todas as decisións que veñen desde o Estado, e así nos vai”, recalcou, quen lembrou que a transferencia é o primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes, advertindo que se prepara unha nova subida das tarifas da AP9.

Igualmente, o Bloque reclamaba as explicacións de Feijóo en relación á situación do transporte público, máxime tras a presentación dun recurso por parte das empresas ao plan da Xunta.

“Hai unha xudicialización de todo o proceso e xa teñen o antecedente do servizo 065 de transporte de emerxencias que foi declarado ilegal”, salientou Pontón, quen advertiu sobre as consecuencias da supresión do transporte escolar, citando a instrución da Xunta para que os tempos de espera nas paradas non superen os cinco minutos, o que obrigaría aos nenos e nenas que non fosen recollidos a facer todo o percorrido.

Recriminou ademais o escurantismo do Executivo, sen informar das empresas que se presentaron, nin cales foron convidadas para presentar ofertas para as liñas.