Ana Pontón ve “estratéxico” apostar pola ciencia e a innovación e propón duplicar os investimentos até acadar a media europea

Visita CINBIO
Visita CINBIO

“Hai que sacar Galiza do vagón de cola onde a situou o  goberno de Feixóo e para iso fan falta recursos, pasar do 1% ao 2% do PIB”, argumenta

Propostas: Plan retorna do talento emigrado, definir a carreira profesional para estabilizar ó persoal investigador, crear o INNOGAL e reforzar á Universidade como xeradora de ciencia e investigación

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o centro de investigacións biomédicas da Universidade de Vigo (CINBIO)e aproveitou para destacar o “carácter estratéxico” que o BNG concede á ciencia e á investigación como motor para unha Galiza de futuro, próspera e de vangarda, “entendemos que é clave para o desenvolvemento social e económico e require unha aposta firme, máxime nun momento de grandes cambios e transformacións”, sintetizou.

O País ten capacidade e talento, pero é evidente, -dixo-, “que se precisan máis medios e unha mellor planificación para poñernos na vangarda científica”. Para avanzar nunha Galiza do coñecemento, Pontón puxo sobre a mesa tres cuestións fundamentais: financiamento, capital humano, -incluíndo a igualdade de xénero tamén neste eido-, e reforzar o sistema científico das universidades, principais produtoras de ciencia.

Visita CINBIO En materia de financiamento, a líder nacionalista considera urxente “sacar Galiza da cola onde a situou o Goberno de Feixóo”, tendo en conta que hoxe se destina menos do 1% do PIB e propón o obxectivo de duplicar esta porcentaxe ata o 2% do PIB, en liña coa media de investimento en Europa. “Obviamente, iso require que o a Xunta mobilice máis recursos, de feito, nos orzamentos de 2022 propuxemos destinar o 3% do total á ciencia, pero tropezou co veto do PP”, lamentou.

En todo caso, o Bloque seguirá traballando nesa dirección, tendo en conta que estamos nun momento en que se poden captar recursos e no que hai que abordar unha nova planificación unha vez que o Plan Galiza Innova caducou en 2020.

No ámbito dos recursos humanos, subliñou a evidencia de que sen científicos e científicas non hai ciencia. Por iso, urxe traer de volta o talento investigador emigrado e poñer en marcha medidas que reteñan o que aínda está aquí, ao que se suma a avalancha de xubilacións nos próximos anos.

“Hai que reter e  captar talento e rematar coa precariedade que tamén se vive neste sector”, indicou. Para conseguilo, as propostas nacionalistas pasan por un Plan de captación e retención do talento que emigrou por falta de oportunidades; definir a  carreira profesional investigadora para dar estabilidade ás persoas que queren traballar no ámbito científico, investigador e innovador; potenciar o sistema institucional coa creación do INNOGAL, na liña de do Ikerbasque en Euskadi ou o ICREA en Catalunya. “De feito, o BNG está elaborando a proposición de lei para a súa creación, en diálogo coas investigadoras e investigadores, que imos levar ao Parlamento”, avanzou.

Visita CINBIOE, como noutros eidos, a igualdade de xénero tamén debe chegar ao ámbito da ciencia, suprimindo as discriminacións que penalizan ás mulleres nas súas carreiras profesionais e, nesa liña, Pontón citou a Lei Ángeles Alvariño elaborada polo BNG grazas a colaboración de moitas científicas e logrando o respaldo do Parlamento.

O obxectivo é corrixir elementos de discriminación nas convocatorias públicas, “e estaremos moi vixiantes a que se cumpra por parte do Goberno da Xunta porque non nós podemos permitir perder o talento das mulleres, nin que estas se vexan obrigadas a escoller entre ser científicas ou ser nais”.

Finalmente, Pontón destacou a necesidade de fortalecer o sistema de I+D+i nas universidades, por ser estas o máis importante foco de xeración de ciencia e investigación e da súa transmisión ao sector económico público e privado e ao conxunto da sociedade. “Podemos ser unha potencia no ámbito científico, no que xa temos a moitos e moitas referentes, pero hai que facer unha aposta de país pola ciencia e polo coñecemento”, concluíu.

A líder nacionalista encabezou a delegación ao CINBIO, nunha visita guiada da man de Miguel Angel Correa,  Diana Valverde e Noa Caramés, director, subdirectora e xestora do centro-, á quen agradeceu o encontro e o intercambio de ideas e valoracións. Visita que se produce dentro da rolda que o BNG está realizando polos máis destacadas entidades investigadoras de Galiza, visita na que tamén participou o portavoz municipal de Vigo, Xabier Pérez, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, e as deputadas por Vigo Carmela González e Alexandra Fernández.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG