Xerais 2023

Ana Pontón propón en Mos darlle á autovía A-55 un tratamento de travesía logo de trasladar o seu tráfico

Mos
Mos
A cabeza de lista do BNG por Pontevedra Carme da Silva pide un grupo galego forte co fin de condicionar as políticas do estado e mellorar infraestruturas, nomeadamente facer a AP-9 galega e de balde

Liberar a AP9 para desconxestionar a A-55 ao seu paso por Mos e darlle á actual autovía un tratamento de travesía. Esas son as propostas que plantexou a portavoz nacional do BNG Ana Pontón e que levará ao Congreso a cabeza de lista ás eleccións do 23X pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, para dar solución ao grave problema de densidade de vehículos, sinistralidade, e ruído que provoca á principal infraestrutura viaria que corta o concello.

Pontón subliñou que Mos é un dos concellos con máis autovías e estradas estatais pero con máis problemas de comunicación, cunha carga importante de vehículos e ruído e unha das taxas de sinistralidade máis altas de todo o estado español. Segundo a nacionalista, a solución pasa por liberar a AP9 de peaxes, porque iso fará que unha parte importante do tráfico que circula pola A55 vaia para ese vial e permita que esa infraestrutura se convirta “nunha zona amable, nunha travesía que signifique mellorar as condicións de vida da veciñanza de Mos e a súa mobilidade”.

“Só depende disto e temos un compromiso claro dende o BNG de traballar a través dun grupo galego forte para acadar esa AP9 galega e sen peaxes e que signifique tamén poñer sobre a mesa transformar a A55 ao seu paso por Mos nunha travesía con calmado de tráfico e medidas de seguridade e dándolle unha oportunidade a este concello”, insistiu.

A cabeza  de lista por Pontevedra, Carme da Silva, afondou e subliñou que o concello de Mos está atravesado pola AP-9, a A-55, a N-120 e a N-550, e conta cun tráfico excesivo que crea graves problemas de comunicación, contaminación acústica e seguranza viaria. Subliñou que na A55 prodúcense preto dun cento de accidentes con persoas feridas cada ano e que “todas as medidas que se implementaron até o de agora (límites de velocidade, radares), para tentar reducir esta alta sinistralidade fracasaron estrepitosamente”.

Destacou a candidata que pola A55 en Mos pasan, segundo os datos do MITMA de 2021 preto de 62.000 vehículos diarios, dos que máis de 4.000 son vehículos pesados, unha cifra que contrasta cos menos de 8.000 vehículos diarios (861 pesados) que circulan pola AP9 entre Puxeiros e O Porriño. “O uso deste tramo da AP9 contrasta coa IMD da AP9 entre Vigo e Pontevedra que é de 40.000 vehículos diarios. Esta grande diferencia de vehículos que circulan por unha e outra vía explícase, fundamentalmente, pola peaxe da AP-9, e está claro que a conexión con Portugal e os polígonos industriais do Porriño poden facerse perfectamente pola AP-9”, subliñou.

Por este motivo destacou como fundamental que a AP9 absorba a maior parte do tráfico que agora transita pola A55. Isto permitiría, segundo a nacionalista, dar a esta última vía un tratamento de avenida e bulevar,  o máis axeitado para unha zona urbana tan densamente poboada. “O bulevar permeabilizaría o tráfico de vehículos e persoas. Tería arborado e pantalla acústica vexetal e medidas de calmado da velocidade e de mellora da seguridade viaria”, dixo, para explicar que a velocidade máxima permitida en vías urbanas con dous carrís de circulación en cada sentido é de 50 quilómetros hora, mentres que na actualidade en grande parte a A55 está limitada a 60 quilómetros/hora). “Con esta solución atallaríanse os problemas históricos da A55 ao seu paso por Mos: alta sinistralidade e o efecto barreira que provoca na mobilidade dentro do concello”, salientou.

Por outra banda, Da Silva tamén subliñou outras medidas necesarias no concello, como o calmado da velocidade, mellora da seguridade viaria e das conexións na N-120 e na N-550, xa que esta última está facendo ás veces de conexión libre de peaxe entre O Porriño e Pontevedra, e é unha estrada tamén cunha gran sinistralidade.

Insistiu a cabeza de lista do BNG por Pontevedra que todas estas cuestións trasladaranse ao Congreso por parte do Bloque e subliñou a necesidade de ter un grupo forte en Madrid para que Galiza conte con máis forza e poida condicionar as políticas en beneficio de Galiza e de Mos en concreto. “Pedimos a todas as e os mosenses que confíen no BNG, porque saben que o BNG é a única forza coas man libres para defender os intereses do país fronte á discriminación á que historicamente teñen sometida a Galiza as forzas centralistas, que contan con 22 deputadas e deputados pola provincia que en lugar de traballar polas necesidades da veciñanza só integraron unha ‘procesión de caladiños’”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG