xerais 2023

Ana Pontón pide concentrar o voto no BNG, alternativa real ao PP en Galiza onde lle disputa escanos en todas as provincias

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior

“Cada deputada ou deputado máis para o BNG é un menos para Feijóo en alianza coa extrema dereita machista, racista e antigalega”, destacou en Soutomaior

Da Silva pide aos cidadáns que apoiaron ao Bloque nas municipais que repitan papeleta para loitar por unha AP-9 “pública, galega e sen peaxe”    

A portavoz nacional, Ana Pontón, chega ao sexto día de campaña cunha mensaxe clara: o verdadeiro voto útil en Galiza é o voto ao BNG, que lle está a disputar ao PP escanos nas catro provincias co obxectivo de lograr un grupo galego forte para facer valer Galiza en Madrid e para frear a un PP que camiña de ganchete coa extrema dereita racista, machista e antigalega.

“En Galiza somos a alternativa real ao PP”, proclamou no mitin de Soutomaior xunto á cabeza de candidatura por Pontevedra, Carme da Silva. “Galiza xógase moito nesta cita coas urnas, xógase facerse valer, xógase ter peso político no Estado cunha voz potente que defenda os nosos intereses alí onde se toman moitas das decisións que nos afectan directamente”, asegurou.

A líder nacionalista fixo un chamamento a todas as persoas que votaron BNG tanto nas eleccións galegas como nas eleccións municipais, para que este 23 de xullo volvan coller a papeleta do Bloque facendo posible un grupo “orgullosamente galego” no Congreso, con deputados e deputadas por todas as provincias, un grupo capaz de colocar os intereses deste País no centro da axenda estatal.

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior

Pontón destacou que moitas veces escoita falar con admiración dos logros de Euskadi e Catalunya, “non é porque vascos e cataláns sexan máis hábiles, nin teñan mellor estratexia política”, indicou, “o que si teñen son forzas nacionalistas con grupos fortes en Madrid para defender os seus intereses e darlle máis calidade de vida aos seus respectivos pobos, e iso é o que queremos facer no BNG”, destacou, “non para conseguir privilexios senón un trato xusto”.

A  portavoz nacional tamén instou a concentrar no Bloque todo o voto “inconformista, rebelde e de país” e pediu votar con orgullo do noso. “Non é o momento de votar polo mal menor, ni de votar por medo, ao contrario, -subliñou-, pídolle a todos os galegos e ás galegas que o día 23 voten con ilusión, con esperanza, que voten por un grupo galego forte para facer respectar Galiza en Madrid sabendo que o BNG non lles vai fallar”, proclamou Pontón.

“Non imos fallar nin na defensa de Galiza nin na defensa dos dereitos e liberdades”, reiterou para facer ver que “o voto ao BNG vale dobre, porque defende ao País e resta escanos a Feijóo e os seus amigos da extrema dereita que até nos queren arrebatarnos a lingua na que falamos”.

Fronte a involución que supón a alianza do PP e os ultras, o BNG fará bandeira da defensa dos dereitos e liberdades e a favor dunha sociedade na que as mulleres sexan libres e iguais, dunha sociedade inclusiva e diversa “na que cada quen ame a quen queira amar e sexa quen queira ser”, concluíu a portavoz nacional.

Encher as urnas de papeletas BNG

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, fixo unha chamada á veciñanza de Soutomaior para replicar o resultado das eleccións municipais que levaron a Manu Lourenzo á alcaldía, co obxectivo de conseguir un verdadeiro cambio nas políticas e na mellora da calidade de vida dos cidadáns. “É preciso repetir esa mobilización. Para que Galiza conte, para que Soutomaior conte cunha forza política que representa intereses das galegas e galegos, que pode dar solución aos nosos problemas”, salientou no mitin.

 

Da Silva referiuse á rebaixa do 50 % na peaxe da AP9 como un dos logros que o BNG tivo na pasada lexislatura cun só deputado no Congreso. Na vindeira, subliñou, o grupo de deputados e deputadas do Bloque esixirán, coa capacidade de negociación que se dean as urnas, que sexa “pública, galega e libre de peaxe”.

 

A candidata por Pontevedra acusou á popular Ana Pastor de “ter moita cara”  por ter dito que o PP vai desbloquear a transferencia da autopista, cando do certo é que esta foi vetada polo bipartidismo nas últimas lexislaturas.  “Votan unha cousa no Parlamento galego e cando chegan ao Congreso votan outra. Cando goberna o PP, é o PP quen veta a transferencia, e cando goberna o PSOE, veta o PSOE”, dixo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG