Ana Pontón: “A nova coitelada ao ensino público galego esixe a dimisión do conselleiro de Educacion”

Ana Pontón e Olalla Rodil na  concentración contra o peche de centros escolares
Ana Pontón e Olalla Rodil na concentración contra o peche de centros escolares

O BNG participa na concentración contra o peche de centros escolares e avanza que seguirá apoiando as demandas da comunidade educativa en defensa do ensino público galego

Ana Pontón: “A nova coitelada ao ensino público galego esixe a dimisión do conselleiro de Educacion”

A portavoz do BNG, Ana Pontón anunciou hoxe que o BNG pedirá a dimisión do conselleiro de Educación, Román Rodríguez na vindeira sesión plenaria do Parlamento galego, “a nova coitelada ao ensino galego esixe a dimisión do conselleiro”, afirmou a líder do BNG na concentración fronte á Xunta celebrada hoxe en protesta polo peche de centros escolares en diversas localidades galegas.

A consellería de Educación, afirmou a líder do BNG, actúa “con mala fe” e acaba de darlle unha coitelada pola espalda ao ensino público galego e anunciou que o BNG continuará apoiando á comunidade educativa porque defender o ensino público, recalcou,  “é defender o futuro dos nenos e nenas da Galiza de mañá”.

Pontón reiterou o  apoio do BNG á comunidade educativa e ás nais e país que queren manter uns centros que “funcionaban” e que hoxe se ven obrigados a reivindicar o  seu mantemento. A Xunta ante esta demanda “xusta” non pode facer ouvidos xordos nin contar “máis milongas” como viñeron facendo ao longo desta última semana. Neste sentido,  lamentou a campaña “de mentiras” iniciada pola consellería de Educación e a Xunta de Núñez Feijóo”.

Cando escoitamos ao conselleiro falar de reorganización e non de  peche de colexios,  lémbrame a Cristobal Montoro defendendo  unha amnistía fiscal á que denominou   plan para buscar recursos ocultos e que finalmente foi declarada ilegal. O mesmo acontece agora, o peche de colexios  é “unha inmoralidade” e un ataque máis para seguir desmantelando o ensino público galego no que o Partido popular é un verdadeiro “experto”.

Temos que destinar máis investimento para o ensino e por iso hoxe reclamamos a “dimisión do conselleiro de Educación, que se manteñan os centros escolares que queren pechar  e que a Xunta deixe de xogar co futuro dos nenos e nenas”.

Para Pontón é “unha inmoralidade” pechar centros de ensino públicos pero tamén o é utilizar a escusa da crise para seguir cunha política de continuos recortes  cando paralelamente  o PP segue destinando miles e miles de euros para financiar centros privados”.  Nesta liña lembrou que  a Xunta  blindaba máis de “1.600 M€ para centros privados durante os próximos anos”.

A concentración contra o peche de centros escolares celebrada hoxe fronte a consellería de Educación en San Caetano,  Santiago de Compostela, tamén asistiu a portavoz de educación do BNG, Olalla Rodil e responsables políticos desta formación.