Xerais 2023

Ana Pontón: “Imos darlle a Galiza un grupo galego forte en Madrid”

Apertura de campaña
Apertura de campaña

O BNG sae a por todas para formar un grupo “orgullosamente galego” no Congreso con deputadas/os por A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra

O Bloque arranca en Santiago a campaña apelando ao voto da maioría: “Todo o voto de País, ao BNG; Todo o voto de esquerdas e transformador, ao BNG, Todo o voto decepcionado polo centralismo, ao BNG”

A  portavoz nacional, Ana Pontón, abriu campaña en Compostela proclamando que o BNG sae a por todas, sen límites,  para conseguir un grupo forte no Congreso co obxectivo de facer valer Galiza en Madrid. “Que ninguén o dubide, imos a por todas para darlle a Galiza  un grupo orgullosamente galego a favor do País, con deputados e deputadas pola Coruña, por Lugo, por Ourense e por Pontevedra”, asegurou.

“Basta de discriminación, basta de ser a última carta da baralla, é o momento de Galiza, de facer valer o noso ante o Goberno do Estado, con orgullo e con determinación”, afirmou a líder do Bloque no arranque dunha campaña na que, dixo, o País xógase moito. “Galiza xógase estar defendida no Congreso, ter a capacidade de conseguir investimentos, transferencias, melloras para o noso país”, advertiu.

“E iso non o van facer as forzas estais, esas que votan unha cousa aquí e a contraria en Madrid”, porque “só o BNG ten as mans libres para defender os intereses da xente deste País ante un goberno do Estado”, engadiu. “Non queremos privilexios”, dixo, senón un “trato xusto e digno” para Galiza e os galegos.

Pontón lembrou que o Bloque xa ten demostrado estes anos, con Néstor Rego no Congreso, como un só deputado “fixo máis por mellorar a vida dos galegos e das galegas que os 22 restantes, esa procesión de caladiños que pulsa o botón do que lle digan nas súas sedes madrileñas”.

Apertura de campaña
Apertura de campaña

Aí está, continuou, a rebaixa histórica da AP9, as obras de dragado da Ría do Burgo ou a electrificación do tren entre Lugo e Ourense. “Cando o noso voto foi decisivo, soubemos moi ben como usar esa forza: para mellorar a vida da xente deste país”, subliñou.

Os deputados do BNG no Congreso traballarán a reo por Galiza e tamén, prometeu, na defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns fronte a involución. “Non imos fallar ante un PP cada vez máis ultra de ganchete desa extrema dereita profundamente antigalega. Seremos muro de contención contra esa parella de feito que nos quere levar ao pasado en branco e negro”, proclamou.

“Non imos permitir un paso atrás nos dereitos das mulleres, nin un paso atrás nunha sociedade inclusiva na que cada quen poida amar e ser quen queira ser. Nin un paso atrás ante a censura da nosa lingua e da nosa cultura”, abundou a portavoz nacional, que instou aos galegos a votar “coa cabeza e o corazón” collendo a papeleta do BNG.

“Non é o momento de votar por medo nin polo mal menor, ao contrario pídolle aos galegos e ás galegas que voten con ilusión, esperanza, desde o orgullo do noso”, engadiu, facendo un chamamento para que os e as galegas voten “por esa Galiza coa que soñan: orgullosa do noso, libre, feminista, inclusiva, diversa, co dereitos, con oportunidades, sen emigración”.

Superar as enquisas

O Bloque arranca a campaña co convencemento de que o 23X vai ser un “exemplo de madurez política” que demostrará que a forza nacionalista está “no mellor momento da súa historia”. “O 23 de xullo imos volver facelo, imos superar todas as enquisas, incluída por suposto a do CIS, logrando deputados por Lugo e por Ourense, claro que si!”, destacou a líder do Bloque na compostelá praza do Toural.

“Non nos marcamos límites e imos a dar o mellor de nós para conseguir que Galiza sexa determinante na política estatal”, dixo a portavoz nacional, que durante o seu primeiro mitin de campaña pediu o voto a tódolos galegos que cren “nunha sociedade que aposta pola convivencia, o respecto e a diversidade; que quere facerse valer, orgullosa da nosa identidade, cultura e lingua; unha sociedade moi lonxe do ruído dun PP ultra e alianza coa extrema dereita antigalega”.

Todo o voto do País, ao BNG.

“Todo o voto de País, ao BNG. Todo o voto de esquerdas e transformador, ao BNG. Todo o voto galego, moderado, preocupado pola deriva reaccionaria do PP, ao BNG. Todo o voto decepcionado polo centralismo e a falta de valentía das políticas dos partidos da esquerda española, ao BNG”, proclamou Pontón antes de pedir á maioría da sociedade galega que o 23X escolla a papeleta do Bloque. “Porque o BNG está aquí para ser decisivo, para romper todas as previsións e para facer historia cun grupo galego forte ao servizo deste País e da súa xente”, finalizou.

O candidato pola Coruña Néstor Rego destacou que o Bloque encara estas eleccións co traballo feito e os compromisos cumpridos e amosouse convencido de desta volta “fará historia cun grupo galego forte que defenda unha Galiza con máis capacidade, máis próspera e con máis benestar".

"Non houbo cuestión que afectase a este País que non se levase ao Congreso, fosen os investimentos para recuperar o déficit histórico provocado por gobernos do PP e PSOE, a urxencia de reverter a crise demográfica e industrial, a loita contra o espolio eólico e pola rexeneración das rías ou a defensa dos dereitos sociais e democráticos", apuntou Rego, que insistiu en que o voto ao Bloque vale por dous, “ xa que é a garantía de defensa de Galiza e de políticas transformadoras e sociais e ponlle freo á dereita e á ultradereita".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG