xerais 2023

Ana Pontón destaca que un grupo galego forte do BNG é o mellor para a defensa dos intereses do sector agrogandeiro en Madrid

Ana Pontón na Feira Verde de Silleda
Ana Pontón na Feira Verde de Silleda

Na visita á Semana Verde, subliña que este 23X é a oportunidade de condicionar a favor de Galiza a política agraria que se decide no Estado

Critica o abandono do Rural por parte do Goberno do PP que en 2022 deixou sen executar 165 M€, un 27,6% do orzamento total da consellería

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa visita á 45 edición da Feira da Semana Verde en Silleda para destacar o potencial e a relevancia do sector agrogandeiro, estratéxico para Galiza, subliñando que moitas das decisións que impactan no sector se toman en Madrid e, por tanto, a importancia do 23 de xullo para contar cun grupo galego forte do BNG capaz de inclinar a política agraria estatal a favor do País.

“Apoiar e potenciar o sector agrogandeiro é clave para darlle futuro ao medio rural e este sector tamén se xoga moito nas eleccións do 23X porque a política agraria non só se decide en Europa senón que tamén se decide en Madrid, e para iso é clave ter un grupo galego forte no Congreso que defenda os intereses do noso sector agrogandeiro e de todo o complexo agro-industria”, explicou a líder do BNG na visita ao certame.

O sector, recalcou, precisa ter en Madrid unha voz de País reforzada “que pelexe polos intereses de Galiza á hora de desenvolver a PAC ou que pelexe por prezos xustos para os produtores e produtoras, e a mellor garantía que teñen as persoas que traballan e viven no medio rural de que os seus intereses van estar presentes e un grupo galego forte do BNG para defender os seus intereses ante un Estado que, en demasiadas ocasións, toma decisións que van en contra do noso sector agrario”, argumentou a portavoz nacional.

Pontón destacou que o sector agrogandeiro ten un enorme potencial e resulta clave para xerar riqueza e emprego, producir alimentos de calidade e manter un rural con futuro. “É estratéxico para Galiza por moitas razóns”, recalcou, empezando porque mantén un rural vivo e produtivo, preserva o territorio na medida en que permite un país cultivado, limpo e produtivo é produce alimentos de calidade contribuíndo ás soberanía alimentaria e ao benestar da poboación.

Por iso é inexplicable a falta de apoio por parte do Goberno do PP que leva catorce anos sen proxecto de futuro para o medio rural, denunciou, como demostra o feito de que a Consellería de Medio Rural figure sistematicamente entre os departamentos con menor execución orzamentaria, concretamente en 2022 deixou se investir un 27,6%, 165 millóns de euros que non chegaron aos produtores, produtoras e empresas do sector agrogandeiro.

Por contra, o BNG ten unha estratexia para rescatar o medio rural con propostas como a discriminación positiva en materia de servizos públicos; a mobilización de terra agraria abandonada, 100.000 hectáreas no prazo de dez anos, tendo en conta que a Galiza ten unha superficie agraria destinada á produción de alimentos para consumo humano que non chega ao 5%, fronte ao 25% da media estatal.

As propostas do Bloque tamén inclúen a transformación dos produtos para xerar valor engadido e incrementar as rendas das persoas que traballar no sector; mellorar a comercialización dos produtos agrogandeiros e dotar ao medio rural de infraestruturas do século XXI tanto no ámbito da mobilidade como no das novas tecnoloxías.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG