municipais 2023

Ana Pontón destaca a aposta dos concellos BNG pola sustentabilidade ambiental e a loita contra o cambio climático

En Vigo defende un Plan de recuperación integral da Ría e poñerlle fin aos recheos. En Ponteareas destaca a iniciativa pioneira en aforro enerxético

Acusa a Rueda de tentar amordazar aos medios e á cidadanía como se censurar a información sobre incendios fose unha solución contra o lume

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá Vigo e Ponteareas para amosar a aposta do BNG en materia de medio ambiente, sustentabilidade e loita contra o cambio climático,  “unha cuestión que forma parte do ADN do modelo municipal do Bloque”, indicou.

O modelo de goberno municipal, recalcou,  ten entre os seus sinais de identidade a sustentabilidade, o coidado do medio ambiente, a loita contra o cambio climático e a preservación da biodiversidade, modelo dixo que o Bloque queres estender por toda Galiza a partir do 28M. “No BNG queremos unha transición xusta e democrática, corresponsable desde o punto de vista do impacto no territorio”, indicou, frote ao espolio eólico que auspician PP e PSOE, “que poñen o interese das eléctricas por rifa do País, sen ter en conta o impacto para os galegos e as galegas”.

En materia de preservación do medio ambiente Pontón destacou que un dos principais problemas que amenzan o territorio e a sustentabilidade son os incendios e, nese sentido, referiuse ao anteproxecto da Lei de loita integral contra os incendios forestais que está elaborando o PP. “Dá a entender que unha das grandes medidas contra os incendios vai ser prohibir falar dos lumes, como se a cidadanía e os medios de comunicación se dedicasen a difundir información falsa sobre os incendios”, declarou.

Da mangueiriña de Feijóo á censura de Rueda

A portavoz nacional considerou isto “algo fóra da realidade” e preguntouse se “a gran medida do PP contra os lumes vai ser impedir que se fale deles e multar aos veciños e veciñas que difundan información nas súas redes sociais, desesperados ante a falta de medios”. A líder do Bloque lamentou pasar “da mangueiriña de Feijóo á censura de Rueda”, porque “con mordaza e con censura da información non se apagan os lumes, nin se resolve o gravísimo problema ambiental que supoñen os incendios en Galiza”.

“A solución para por poñer en marcha unha auténtica política de apoio ao medio rural, por reverter o abandono e o despoboamento, por contar cun sistema de coidado e limpeza de monte todo o ano, por poñer o territorio a producir a favor en lugar de converter Galiza nun eucaliptal para maior gloria de ENCE, e por ter un rural produtivo e un monte ordenado como teñen todos os países avanzados de Europa”, alegou.

En Vigo, onde mantivo un encontro con colectivos ecoloxistas e medioambientais acompañada polo candidato á Alcaldía da cidade, Xabier Pérez Igrexas,  destacau as propostas en materia de sustentabilidade e preservación do territorio que o Bloque ten previstas para a cidade olívica. “Hai un debate sobre como abrir Vigo ao mar e no BNG témolo claro, hai unha urxencia en Vigo e temos que preservar a xoia da coroa”, indicou con respecto da Ría de Vigo.

Empezando pola recuperación integra da Ría, dotar á cidade dun correcto sistema de depuración porque “non é razoable que, aínda hoxe, se incumpra a directiva europea da auga. Vigo precisa un sistema de depuración propio do século XXI”, destacou, recalcando os miles de postos de traballos directos a indirectos que se xerarán ao ter unha Ría que actúe como fonte de riqueza e de creación de emprego.

Sector pesqueiro antes que as eléctricas

A portavoz nacional urxiu a necesidade de poñer fin aos recheos portuarios. “O futuro do Porto de Vigo non pasa por máis recheos de cemento na Ría, senón por poñer en marcha a Plataforma Loxística-PLISAN, para constituír nela un verdadeiro porto seco”, indicou. O BNG defende delimitar espazos e usos portuarios para facilitar unha reordenación racional, eficiente e sustentable da actual superficie do porto.

O BNG tamén  fixo referencia ao impacto da eólica mariña que proxecta o Goberno central co apoio do Goberno do PP e que inclúe  un macro-parque a 50 quilómetros das Illas Cíes. “Desde o Bloque apoiamos ao sector pesqueiro que pide a retirada do POEM, porque dadas as características da nosa plataforma continental, a instalación de muíños no mar é incompatible coa pesca e hai 32.000 postos de traballo directos en xogo só en Vigo”.

Dentro da axenda de precampaña, Pontón tamén estivo en Ponteareas, onde puxo o foco sobre a proposta pioneira dun concello que “apostou polo aproveitamento da biomasa forestal logrando un importante aforro enerxético ademais de reducir a cantidade de emisións de CO2 á atmosfera,  ao tempo que lle  da servizo enerxético a sete edificios públicos”.

“O BNG en Ponteareas puxo en marcha unha proposta pioneira a través dunha planta de biomasa que xa é unha referencia e esperta o interese de concellos e cidades de todo o mundo”, manifestou a portavoz nacional. Isto dá boa mostra de que concellos BNG pensan globalmente nos grandes retos que hai sobre a mesa, como a emerxencia climática, e actúa localmente para dar respostas e solucións.

Pontón amosouse convencida de que “a candidata do Bloque, Cristina Fernández, terá o 28M o apoio maioritario dos veciños e veciñas para que Ponteareas continúe avanzando e mirando ao futuro con optimismo e con ilusión”. En relación a isto, declarou que “Cristina é unha gran alcaldesa e seguirá a selo a partir do 28M”.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG