Ana Pontón compromete que os premios deportivos financiados con cartos públicos serán iguais para homes e mulleres

Ana Pontón co equipo Burela-Pescados Rubén
Ana Pontón co equipo Burela-Pescados Rubén

Avanza que un Goberno presidido polo BNG creará unha Lei de Igualdade no deporte cunha partida orzamentaria para combater a fenda de xénero

A proposta de lei inclúe a promoción de Plans de conciliación para que as mulleres non teñan que abandonar a súa carreira deportiva para ser nais

Compartiu coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén un encontro para coñecer de primeira man as inquedanzas das mulleres deportistas 

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, elixiu un encontro coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala, multicampioas de España e de Galiza, para falar sobre a igualdade no deporte e explicar as propostas de goberno do BNG neste ámbito.

Pontón indicou que a igualdade, tamén no deporte, será unha das súas máximas prioridades no goberno que aspira a presidir a partir do 18F e, concretamente no ámbito deportivo, avanzou o desenvolvemento dunha Lei de igualdade con medidas moi concretas, como combater a fenda de xénero no deporte, cunha partida orzamentaria específica para este fin, ou que os premios ou galardóns financiados con cartos públicos serán iguais para homes e mulleres, coa mesma contía económica e a mesma divulgación.

A líder nacionalista explicou que esta lei tamén contempla outras medidas, como a promoción de Plans de conciliación “para que ningunha muller teña que abandonar a súa carreira deportiva para ser nai” ou o impulso dunha representación  equilibrada entre homes e mulleres en todos os órganos de dirección deportivos, tanto na Administración como nas federacións, incluíndo a creación dunha comisión de igualdade no deporte que conte cun mínimo dun 50% de representación de mulleres,

Neste sentido, tamén avanzou a creación dun Observatorio de Deporte e Mulleres que permita coñecer o que acontece neste ámbito de actuación e, deste xeito, poder determinar medidas eficaces dende a Administración.

Ana Pontón co equipo Burela-Pescados Rubén
Ana Pontón co equipo Burela-Pescados Rubén

O proxecto de lei do Bloque incorpora tamén a necesidade de garantir a igualdade salarial entre mulleres e homes por facer o mesmo traballo en todas as federacións e entidades deportivas galegas ou que os medios públicos informen e difundan eventos deportivos mantendo un equilibrio entre as competicións masculinas e femininas.

Outra cuestión que Pontón considerou precisa é combater a violencia de xénero tamén no ámbito deportivo, polo que avanzou que esta Lei de igualdade incluirá tamén medidas específicas nesta dirección, como a posta en marcha dun espazo accesible e seguro para denunciar calquera comportamento machista ou quitar dos recintos deportivos, co aval da xustiza, a aquelas persoas que mostren comportamentos machistas durante a práctica deportiva mentres duren as sancións impostas.

Pontón agradeceu a acollida á directiva do Burela-Pescados Rubén, nomeadamente ao seu presidente, Manuel Blanco, salientando a súa implicación no mecenado deportivo e o seu compromiso coa igualdade, e especialmente ás xogadoras, coas que compartiu un encontro-conversa que cualificou de “luxo” e que lle permitiu coñecer de primeira man as inquedanzas das mulleres deportistas.

Logo de desvelar que ela mesma tivera a oportunidade de xogar hai 30 anos en Sarria nun dos primeiros de fútbol sala feminino, mostrou a súa alegría e satisfacción como “dende hai 30 anos aquí as mulleres foron rompendo moitas barreiras”, aínda que tamén recoñeceu que aínda hai “moitas barreiras que romper”. Por iso, concluíu, “imos poñernos a traballar pola igualdade porque como dicía Megan Rapione, a igualdade non é un privilexio, é un dereito que teñen todas as persoas”. 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG