Ana Pontón: “A comparecencia de Feijóo debe ser o primeiro paso para mudar as políticas de abandono do rural"

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide a En marea e PSdG que non se confundan de adversario tras solicitar ambas forzas unha comisión de estudo da vaga de lumes, proposta do BNG xa formulada tralos incendios do 15-O

Ana Pontón: “A comparecencia de Feijóo debe ser o primeiro paso para mudar as políticas de abandono do rural"

A portavoz nacional e do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón asegurou que a comparecencia de Feijóo para explicar a vaga dos lumes no Parlamento chega tarde pero agarda que sexa un primeiro paso para mudar as políticas contra incendios e o abandono do medio rural.

Trala xunta de Portavoces, Pontón criticou  que  a  axenda do presidente  lle permita recoller un premio ao Partido popular en Alcobendas  e non dea a cara no Parlamento. A súa comparecencia debe ser un primeiro paso para explicar a xestión na vaga de lumes, unha xestión, dixo Pontón “improvisada, descordinada e incompetente”. A comparecencia do Presidente da Xunta debe servir para iniciar un proceso de cambio nas políticas de  ordenación do territorio e  abandono do medio rural, reiterou.

Feijóo ten que explicar porque  enviou a casa a 500 traballadores de SEAGA e  foron reducidas as franxas de protección e seguridade a vivendas e infraestruturas públicas. O presidente da Xunta debe responder porque oculta a “súa responsabilidade” nos  recortes do dispositivo contra a extinción de incendios cando sabían que as condicións climáticas eran extremas e de máximo risco de incendios”.

Os galegos e galegas non merecen un presidente que minte e  só preocupado  de elaborar un “relato exculpa torio” do acontecido o 15 O. A nacionalista tamén responsabilizou aos medios públicos galegos de non  informar a tempo da vaga de lumes polo que pediu o cese das  dirección da TVG e RG. Os medios públicos galegos, reiterou, deben deixar de ser o “gabinete de prensa do Partido popular e de Núñez Feijóo”.  

Neste pleno monográfico sobre incendios para analizar e avaliar a vaga de lumes, o BNG  defenderá unha iniciativa destinada a crear unha comisión para estudar e investigar  a xestión dos incendios, depurar responsabilidades políticas e corrixir as deficiencias dunha política responsable de converter o monte galego “nun polvorín”.

PONTÓN PIDE A EN MAREA E PSdG QUE NON SE CONFUNDAN DE ADVERSARIO

Sobre esta cuestión Pontón  explicou que o BNG non pecha a porta a crear unha comisión de investigación se o Partido popular rexeita a de estudo e mostrou a súa perplexidade ao comprobar na Xunta de portavoces que os  grupos de En Marea e PSdG rexistraron a iniciativa para creación da   comisión de estudo. Estou moi sorprendida, dixo, porque levamos 15 días pedindo a comisión de estudo  e hoxe sabemos que onte En Marea e PSdG rexistraron a proposta “sen falar con nós” cando fomos o único grupo que leva 15 días pedindo a súa creación.

Sobre este asunto,  asegurou que o BNG sempre mostrou a súa disposición a traballar conxuntamente naquelas cuestións  que afectan a Galiza polo pediu a En Marea e PSdG que “non se confundan de adversario”.

SITUACIÓN POLÍTICA EN CATALUNYA

Para a portavoz nacionalista, a resposta do Estado a Catalunya representa “unha involución democrática” que o BNG rexeita de maneira “contundente e firme” ao igual que  a aplicación do artigo 155, artigo, afirmou,  que non  confire ao Estado a autoridade para cesar un parlamento e un goberno ou convocar eleccións. Isto, remarcou , dicímolo dende o BNG pero tamén o afirman   recoñecidos xuristas que xa alertaron da “inconstitucionalidade da decisión”.

Este precedente, engadiu, é “moi perigoso para a democracia, o autogoberno e a defensa de dereitos e liberdades” e supón “un cheque en branco” ao Estado para poder anular decisións políticas e  destituír gobernos elixidos democraticamente. “ O artigo 155 vai no camiño dun Estado centralizado e autoritario”. Esta dirección nunca trouxo nada bo, manifestou Pontón.

Ademais cualificou de  “ contrasentido”  que un fiscal reprobado polo Congreso por ocultar a corrupción do Partido popular sexa o que presenta unha querela contra un goberno e un parlamento elixido democraticamente nunhas eleccións. O proceder do fiscal responde a “unha decisión política do Partido popular” é “un disparate xurídico” e constitúe un “erro democrático”.

Pontón advertiu que as elección en Catlaunya non serán o final do proceso porque  existe un debate de fondo que seguirá latexando sobre as nacións que reclaman o seu dereito a decidir e  cuestionan o Réxime do 78. Un debate que non  pode silenciarse  pola vía represiva. Dende Galiza resulta evidente que o actual marco institucional non permite o desenvolvemento pleno dos dereitos, liberdade e potencial que temos como país polo que seguiremos reclamando “un novo status político de nación para Galiza” e nos  cambios que se producirán no marco institucional, Galiza non pode ser “mera espectadora”.