Galegas 2024

Ana Pontón chama á mocidade a ser o motor do cambio votando en “en masa” ao BNG para construír unha Galiza “na que poder vivir e traballar”

Acto Tomiño
Acto Tomiño

“Non vale de nada quedarse na casa enfadado nin queixarse só. O que vale é usar o poder do  voso voto para pelexar polo futuro”, proclamou no mitin de Tomiño

“Se nos mobilizamos e concentramos a papeleta do cambio no BNG, a primavera comezará este ano o 18-F coa primeira presidenta en 43 anos de autonomía”

“Non vale quedarse na casa enfadado, nin vale de nada queixarse. O que vale é usar o poder do voso voto para expresarse, para rebelarse, para pelexar e defender un futuro mellor”, asegurou este sábado a candidata do BNG á presidencia Ana Pontón, no mitin en Tomiño, no que fixo unha chamada á mobilización e a apostalo todo ao BNG para que a partir do próximo domingo Galiza teña un goberno “que dea a batalla pola xente”.

Aproveitou para reivindicar que nesta campaña se fale dos problemas que preocupan á xente, ironizando sobre o “turismo electoral” de fin de semana, tanto que en vez de febreiro parece temporada alta. Visitantes que veñen desde Madrid “a dicirlle ós galegos e ás galegas o que temos e o que non temos que votar, traéndonos aquí as súas batalliñas e as súas liortas madrileñas, convertendo Galiza nun simple escenario da súa confrontación partidista e da súa crispación, que nada nos aporta nin  nada nos soluciona”, criticou. “Para as forzas estatais, os e as galegas só somos a súa periferia, para o BNG é onde temos a cabeza e o corazón da nosa acción política”.

Unha mostra máis, subliñou, de que o BNG é a alternativa real para o cambio galego e para facer historia o próximo domingo. “Se nos mobilizamos e concentramos a papeleta do cambio no Bloque, a primavera este ano comezará o 18F cunha presidenta do BNG, a primeira en 43 anos de autonomía”, subliñou nunha intervención que este sábado dirixiu especialmente aos mozos e mozas, chamados a ser “parte activa” do cambio nestes comicios nos que “Galiza se xoga moito máis que un goberno”, proclamou no mitin que compartiu co cabeza de cartel por Pontevedra, Luís Bará.  

“Xogámonos o presente e o futuro, a Galiza das próximas décadas”, engadiu, apelando á mocidade a acudir “en masa” ás urnas da man do BNG para facer realidade un País que lles dea máis oportunidades, “no que poder vivir e traballar”  para desenvolver o seu proxecto de vida. 

Nestas eleccións, proseguiu, “o que está en xogo é seguir co de sempre, catro anos máis de PP con Rueda como presidente, o mesmo que fixo que 200.000 mozos e mozas tiveran que marchar porque o único que vos ofrecía era paro ou precariedade, ou un goberno cunha presidenta do BNG preparada para poñer en marcha unha Galiza en grande”, díxolles, adquirindo coa mocidade un compromiso claro:  “Ímonos deixar a pel para que este sexa un País onde non haxa que emigrar, un País ao que a xente que tivo que marchar poda volver aquí tamén ten oportunidades”, engadiu.

O que está en xogo tamén nun momento como o que vive agora Galiza, “no que a historia pode tocarse das mans”, é a calidade do servizos públicos, subliñou a continuación a candidata do BNG criticando os 15 anos de deterioro e recortes na sanidade pública, con 2.300 millóns de euros menos en Atención en Primaria, un legado que se traduce en agardas para ir ao médico de familia que agora chegan até as tres semanas ou en once mil nenos e nenas que non teñen pediatra asignado.

Máis débeda, menos servizos

“Non só é que o PP xestiona mal a nosa sanidade pública e que ten un obxectivo político e ideolóxico: deteriorar o público para beneficiar á privada”, subliñou, destacando que “a papeleta que pode rescatar á sanidade e a saúde dos galegos e as galegas é a do BNG”. De aí o seu compromiso de por en marcha un plan de rescate de Atención Primaria, dotado con 200 millóns de euros, xa nos primeiros cen días de goberno.

Pensar un País en grande, como fai o BNG, é pensar na súa xente, e por iso Pontón comprometeuse tamén a traballar por ter unha educación pública mellor tras quince anos de goberno do PP nos que baixou o número de profesores, pecháronse máis de 150 centros, ou recortouse tamén na atención aos alumnos con necesidades educativas especiais.   “Imos mellorar a educación pública deste País, contratando profesorado, rebaixando ratios e dando máis calidade”, comprometeuse en Tomiño.

Pontón subliñou que Galiza afronta este 18 de febreiro as eleccións “máis abertas e importantes dos últimos anos” e dixo que “se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferente”. “Conseguir o cambio depende de que fagamos todo o que está na nosa man para o día 19 non pensemos no que puidemos facer e non fixemos, senón que pensemos: eu fun parte desa historia”, continuou, nunha chamada ao apoiar ao BNG a todos aqueles inconformistas que aínda dubidan.

“Da igual a papeleta que se escollera noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega. Se queremos cambio, este é o momento de votar BNG, porque somos a alternativa real”, salientou, comprometéndose a poñer en marcha “o mellor goberno da historia de Galiza” se os galegos e as galegas lle dan a confianza o 18-F.    

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG