Guillerme: "Un goberno que permite a estafa das preferentes non debería durmir tranquilo"

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, acompañado por responsábeis do BNG, entre eles a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, visitou hoxe as persoas estafadas polas preferentes que dende hai días manteñen un peche na casa do concello do Rosal.

Guillerme transmitiulles o “total apoio do BNG á súa xusta demanda de recuperar íntegramente os seus aforros, sen quitas”.

En declaracións aos medios, afirmou que “se hai vítimas do terrorismo, estas persoas son vítimas do terrorismo bancario e da complicidade dos gobernos”. Denunciou que “é inmoral que un goberno permita que se lle roube o aforro de toda a vida a persoas humildes e traballadoras”.

E é que para o portavoz nacional do BNG “se hai miles de millóns de euros para a banca, ten que haber devolución íntegra dos cartos a estes estafados”.

Neste sentido, Guillerme dixo que “non sei se ninguén nun goberno que permite o roubo do aforro de xente traballadora e humilde pode durmir tranquilo”.

“Polo tanto -concluíu- , máis unha vez, o BNG esixe unha solución que só pode pasar pola devolución íntegra dos aforros destas persoas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG