Pola fin da estafa da AP-9. Carta aberta a Núñez Feijoo

Pola fin da estafa da AP-9. Carta aberta a Núñez Feijoo

Confío no diálogo e no acordo como ferramentas para enfrontar os grandes retos que temos como país. É tempo de pensar, colectivamente, a Galiza que queremos para os vindeiros anos, e nunca o BNG fallou naqueles asuntos clave para Galiza. Porén, observo con preocupación, no inicio desta lexislatura, como as palabras diálogo e acordo poden converterse nun baleiro. Digo isto a propósito dunha cuestión clave: a transferencia da AP-9.

A AP-9 é unha infraestrutura estratéxica para o noso país. Unha autoestrada que está amortizada no seu custo, mais que os sucesivos gobernos do Estado privatizaron e mantiveron peaxes abusivas e desproporcionadas e con menos descontos de todo o Estado. Na práctica, a AP-9 converteuse nun negocio privado co que especular. Iso si, un negocio que pagamos os e as galegas, que penaliza a distribución dos nosos produtos e que impide ás persoas de rendas baixas acceder ás vías máis seguras.

O pasado marzo desde o BNG levamos ao Parlamento Galego unha iniciativa para solicitar a transferencia da súa xestión a Galiza. Felizmente, durante o debate acadamos a unanimidade de todos os grupos. Un primeiro paso ilusionante para acabar coa estafa das peaxes. Restaba só que o Congreso dos Deputados dese luz verde á petición do noso Parlamento. Mais sucedeu algo moi grave: o Goberno en funcións de Rajoy manobrou para vetar o debate desta lei. Os argumentos empregados non teñen consistencia e son unha tomadura de pelo á democracia e aos galegos e galegas.

Como resposta, propuxen persoalmente a xuntanza dos catro grupos da Cámara para acordar a defensa común do aprobado nela, por riba das posicións partidarias. Confeso que non son capaz de entender como o presidente da Xunta de Galiza non atopou oco ao longo destes días para pronunciarse ante un asunto tan importante. Lamento sinceramente que se teña renunciado a practicar o diálogo que se reclama desde os medios de comunicación.

Tan pouco importa Galiza que xa se poden permitir o luxo de secuestrar as leis que promovemos? É de recibo que o Goberno de Rajoy, mentres anuncia 8.000 millóns de euros para rescatar autoestradas madrileñas polas que non circula ninguén, diga que ten cero euros para liberar as peaxes da AP-9 galega?

Estamos ante un asunto clave para Galiza e importante para a vida das persoas. Desde o BNG seguimos coa man tendida para mirar polos intereses colectivos e evitar un ninguneo sen precedentes ao noso país e ao noso Parlamento. Mantemos intacta a disposición a facer unha fronte común na defensa dunha AP-9 transferida e libre de abusivas peaxes. A cuestión é se o presidente da Xunta de Galiza ten a mesma disposición.

Agardo a túa resposta e aproveito para lembrarche que, cada día de silencio presidencial, Audasa recada 300.000 euros que saen dos petos das galegas e galegos. Merece a pena defender a Galiza, aínda que isto supoña contrariar a Madrid e á dirección do PP.