Móllate connosco

Que é o nacionalismo?

quintanaO nacionalismo galego é a resposta do noso pobo á situación de dependencia e de subordinación política, económica e cultural da Galiza. As e os nacionalistas aspiramos a superar o actual marco político e a gañar para nós, como pobo galego, a capacidade de decidir sobre o noso, libre e democraticamente.

Somos nacionalistas porque queremos unha Galiza con presente e con futuro, un país próspero, con oportunidades, igualitario e xusto. Sabemos que o podemos conseguir, porque a nosa é unha nación rica, con enormes recursos e potencialidades que debemos poder desenvolver para crearmos riqueza, emprego e benestar.

Somos nacionalistas porque Galiza, como calquera outra nación do mundo, debe ter dereito a escoller por si mesma a súa forma de goberno, o seu modelo de desenvolvemento económico, social e cultural, a súa organización territorial ou o uso que quere dar aos seus recursos. E debe poder facelo en liberdade, sen inxerencias externas e en pé de igualdade co resto de nacións do planeta.

 

Que é o BNG?

asembleaO Bloque Nacionalista Galego (BNG) foi fundado en 1982, recollendo o legado histórico das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista de Castelao e Bóveda e do nacionalismo xurdido nos anos sesenta, durante a ditadura franquista e a chamada “Transición”.

O BNG é unha ferramenta colectiva, democrática, aberta e viva, ao servizo do pobo galego. Somos unha organización política asemblearia, plural e democrática, que traballa na rúa e nas institucións en favor da construción dunha Galiza soberana, xusta, próspera e igualitaria.

No BNG danse a man todas as causas xustas: os dereitos sociais e laborais, a defensa da terra, a loita feminista, os movementos LGTBI, o activismo social e cultural, a defensa da lingua, a solidariedade internacionalista… O programa do BNG é un programa orientado á maioría social do noso pobo, centrado no desenvolvemento, a modernización e a conquista do benestar para o noso país.

 

Que defendemos?

mani

 

 

 

 

 

 

  • Que Galiza é unha nación e, como tal, ten dereito á súa autodeterminación e ao pleno exercicio da súa soberanía.
  • Un modelo social baseado na democracia, na xustiza social, na igualdade, nun desenvolvemento socioeconómico propio e sustentábel, na defensa da lingua e da cultura nacionais e no combate contra calquera tipo de discriminación.
  • A defensa da democracia e dos intereses populares.
  • A necesidade de autoorganización política e social do pobo galego.
  • A solidariedade e a cooperación entre os pobos en pé de igualdade e sen inxerencias nin subordinacións, o antiimperialismo, a paz e o desarme no ámbito internacional.

 

Súmate ao BNG?

Para facer avanzar estas ideas, Galiza precisa de ti.

Non hai proxecto político verdadeiramente transformador que non se sustente en mulleres e homes con compromiso. Esa é a maior fortaleza dunha organización como o BNG: a súa militancia.

Porque detrás do BNG non hai poderes económicos ou mediáticos. Hai milleiros de persoas honestas e comprometidas, orgullosas da súa condición de galegas e galegos, que dan diariamente a cara pola defensa do pobo traballador galego e pola causa da liberdade da Galiza.

Móllate connosco. Súmate ao BNG!