Orzamentos de Sanidade 2015, menos saúde pública e traslado de gasto @s doentes

Montse Prado

A comparecencia na Cámara da conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, serviu para evidenciar que os orzamentos de 2015 implican menos saúde pública, trasladan gasto sanitario aos doentes, recortan en infraestruturas e continúan coa estratexia de privatización do PP, que está poñendo nunha situación case irreversible ao sistema público de saúde, segundo denunciou a portavoz parlamentaria desta área, Montse Prado.

“Están conducindo ao sistema sanitario a unha situación de inviabilidade que pronto será irreversible, de seguir o empeño privatizador do PP”, criticou botando man dos datos do orzamento deste departamento para o próximo ano.

Recorte do 21% na atención primaria desde a chegada de Feijóo á Presidencia, “malia a ser a porta de entrada na sanidade”, 3.000 efectivos menos e segue o “maltrato” dos profesionais, “malia a que di que son os protagonistas do sistema”, o que non lle impide, criticou Prado, “un recorte salarial do 30% ou que lle sigan roubando a paga extra aos traballadores e traballadoras”.

Á redución do persoal ai que engadir o peche de 400 camas e o abandono orzamentario de infraestruturas sanitarias que estaban comprometidas desde 2012. En concreto, citou como exemplo, o Hospital do Salnés e 15 centros de saúde ao longo de todo o país “teñen unha consignación de cero euros nas contas de 2015”. Prado tamén criticou que, pese aos recortes, Mosquera manteña 73 millóns de euros como fondo de continxencias,“sen que teñamos unha explicación de a que se destinan”.

Servizos de saúde reprodutiva, de atención a drogodependentes ou o servizo de saúde mental, figuran de novo entre os máis afectados pola política de desmantelamento do sistema sanitario público. En definitiva, concluíu Prado, o PP segue coa súa folla de ruta de privatización que terminará por facer inviable un sistema público de saúde de calidade e universal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG