Feijóo quere aprobar os orzamentos de costas á xente porque ten algo que agachar

O viceportavoz do G.P. do BNG propón redirixir 630 millóns de euros a recuperar o emprego, manter o poder adquisitivo dos empregados públicos e reforzar as políticas sociais

O viceportavoz do G.P do BNG, Carlos Aymerich, acusou a Núñez Feijóo de querer aprobar de costas á xente, con nocturnidade e alevosía, os orzamentos para este ano “porque debe ter algo inconfesábel que agachar”.

Aymerich, na defensa das emendas transversais, explicou que cecais o PP elude a transparencia e a publicidade para evitar que os cidadáns coñezan que o goberno teima nas políticas de recortes mentres segue engordando a empresas amigas do Partido Popular.

“A vostedes non lles convén o debate público destas contas –engadiu- porque teiman en políticas fracasadas, en políticas estructurais que si producen efectos dun día para outro, señora conselleira, pero efectos negativos, pois nunca dun día para outro houbo tanto paro, tanta pobreza e tanta fractura social no noso País”.

Para o deputado nacionalista, o goberno de Feijóo non só insiste en aplicar políticas fracasadas, senón tamén en subordinar os intereses de Galiza aos dictados do Estado e da Unión Europea, como se acaba de comprobar co caso do dique flotante de Ferrol.

Emendas transversais

Aymerich reiterou o rexeitamento do BNG, feito público xa na intervención de Jorquera, ao marco neoliberal no que se inscriben os orzamentos, “coa entusiasta colaboración de Feijóo”, e asegurou que malia este estricto corsé hai marxe para mudar certas cousas, de ahí as emendas transversais do BNG por importe de máis de 630 millóns de euros.

“Evidentemente –dixo- esta emenda non vai resolver a crise pero si pode aliviar os dados do paro, a atención os dependentes, a deficiente atención sanitaria, o acceso igualitario aos servizos de ensino e a mellora do poder adquisitivo dos empregados públicos”.

Neste sentido, falou, por exemplo, de redirixir 149 millóns de euros a plans de emprego; 126 a sanidade, rescatando o hospital de Vigo; 50 a atención á dependencia e combate da pobreza; 26 ao ensino público, 14 a loitar contra os desafiuzamentos; 11 para a defensa da lingua e a cultura do País; 15 para Medio Ambiente e 1 para axuda ao desenvolvemento, por citar as principais partidas.

Asemade, Aymerich propuxo incrementar os ingresos tributarios, revisando para iso o tramo do IRPF para que paguen máis os que máis teñen, o que sumaría 140 millóns de euros, e modificar o imposto de patrimonio, rebaixando o mínimo exento até os 300.000 euros, o que suporía 35 millóns de euros de ingresos.

Imposto ás grandes superficies

O viceportavoz do BNG tamén se referiu á necesidade de eliminar as bonificacións fiscais para os que máis gañan e impoñer un novo imposto ás grandes superficies comerciais, que suporía uns ingresos de 50 millóns de euros.

Outras posibilidades que puxo Aymerich enriba da mesa foron un imposto sobre depósitos bancarios e novos impostos ambientais, “en definitiva, actuar sobre os impostos indirectos para os que máis gañan, mais vostedes prefiren ir polo camiño de que sexan os cidadáns os que paguen dúas veces a crise que non provocaron”.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG