Valoración da Executiva Nacional do BNG do discurso do presidente da Generalitat, Carles Puigdemont

Executiva Nacional do BNG
Executiva Nacional do BNG

Diante da declaración desta tarde do presidente do Goberno catalán, Carles Puigdemont, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos manifestar o seguinte: 

  1. Recoñecemos a lexitimidade democrática das decisións e acordos do Parlamento catalán, espazo da representación política soberana do pobo de Catalunya. 
  2. Consideramos que este é o momento de que o Estado español colla a man tendida que lle acaba de ofrecer o presidente Puigdemont e apoiamos a apertura dun proceso de diálogo político -con respaldo e mediación internacional- entre os gobernos catalán e español.  
  3. Como forza política galega, chamamos a sumar voces e opinións desde a nosa sociedade en favor do diálogo e dunha resolución pacífica e democrática do conflito político aberto, e sempre desde o recoñecemento pleno do dereito a decidir e da plena capacidade para exercer na práctica ese dereito.
  4. Reiterámonos na nosa posición, pública e coñecida. Este conflito só ten unha saída: que o pobo catalán poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos. E o mesmo no caso galego e vasco. O Estado español debe recoñecer a súa realidade e natureza plurinacional e, consecuentemente, aceptar o dereito das nacións que hoxe facemos parte del a decidir e a exercer, no seu caso, a nosa plena autodeterminación. De non facelo, o problema político de fondo, lonxe de resolverse, agravarase.
  5. O Goberno español ten a obriga de mudar as porras, ameazas, multas e represión polo diálogo, a negociación e o respecto á decisión e vontade do pobo catalán.
  6. As e os nacionalistas galegos mostramos novamente toda a nosa solidariedade coas institucións e co pobo de Catalunya e o noso apoio e firmeza na defensa das liberdades, os dereitos e a democracia, aquí e alí.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG