O PP rexeita todas as emendas do BNG aos Orzamentos 2014 para incrementar as partidas para Galiza

O PP opúxose ás máis de 170 emendas defendidas durante tres días de pleno pola portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada do BNG, Rosana Pérez, co obxectivo de mellorar as partidas destinadas polo Estado a Galiza e co obxectivo de protexer o Estado de Benestar.

O Pleno monográfico centrado no debate e votación das emendas aos Orzamentos estatais 2014, comezou o luns e remata hoxe coas últimas votacións ao mediodía, mantendo o PP uns Orzamentos “anti sociais, de recortes e que non melloran as partidas para o territorio galego”.

Polo miúdo cabe destacar que o PP se negou á proposta do BNG para destinar unha partida de 140 millóns á construcción dun dique flotante en Ferrol. Rosana Pérez reprochou ao Goberno que “deixe caer un sector básico como é o naval”, e o PP se limitou a tildar unha posibilidade de traballo para o naval de Ferrol de “marketing mediático”.

Os populares tamén se opuxeron ás melloras propostas polas nacionalistas galegas no ámbito de fomento: 10 millóns para o Eixo Atlántico Ferrol-A Coruña, 3 millóns para a supresión dos pasos a nivel, 30 millóns para a mellora da seguranza ferroviaria, 5 millóns para a circunvalación de Pontevedra, 1,2 millóns para o enlace da Ap-9 con Peinador, 1 millón para a conexión ferroviaria co porto exterior coruñés e outro millón para a do porto exterior de Ferrol, 8 millóns para a Terceira Ronda (As Lonzas-Zapateira), 1 millón para a variante de A Estrada N-640, ou as partidas solicitadas para mellorar a vía alternativa á costosísima AP-9 como é a N-550.

Nin melloras para Galiza, nin para educación, emprego ou dependencia

Davila defendeu os sectores produtivos galegos demandando unha partida de 25 millóns para un Fondo Lácteo, 5 millóns para un Plan de acción pesqueiro, 25 millóns para un Programa de Desenvolvemento rural, e 20 millóns para a rexeneración de zonas incendiadas.

Para a Real Academia Galega, as deputadas do BNG pediron 726.000 euros, algo que o PP rexeitou.

En cuestión de emprego o BNG plantexou 120 millóns para un Plan de Emprego, 60 millóns para un Plan de inserción laboral, pero non existe ningunha intención por parte dos populares de destinar partidas á creación de emprego, un dos grandes dramas sociais do estado.

No eido social, a portavoz do BNG, Olaia Fernández Davila, defendeu a revalorización das pensións dacordo ao IPC porque “o que están a facer nos Orzamentos é unha conxelación das pensións”. Pediu máis fondos para a Dependencia, e explicou unha serie de emendas para facer unha fiscalidade máis progresiva e xusta: evitar os abusos das SICAV, estabelecer un imposto para as grandes fortunas, entre outros, como a solicitude de 15 millóns para un Plan de loita contra a fraude fiscal.

Demandou o BNG un recorte do orzamento para a Casa Real do 25% e do 40% para a Igrexa porque “deben ser co partícipes dos mesmos sacrificios que padece a cidadanía”.

A educación foi outra das pedras de toque do BNG, con especial énfase na necesidade de aumentar as contías para bolsas e axudas ao estudo e libros de texto.

Este mediodía procederáse á última das votacións das miles de emendas defendidas durante estes días. Rematado este proceso no Congreso, agora as contas do Estado viaxan cara o Senado onde previsibelmente o PP fará uso da súa maioría absoluta para seguer o mesmo guión da Cámara Baixa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG