Noa Presas: Os Orzamentos carecen de políticas para recuperar a economía e manteñen a desigualdade social

Noa Presas
Noa Presas

O BNG presenta 34 emendas ao Articulado que consolida máis  políticas submisas e non prioriza o benestar dos galegos e galegas

A portavoz de Economía e Facenda do BNG, Noa Presas defendeu hoxe 34 emendas contra as normas do Articulado dos Orzamentos do PP  dos que dixo,  “carecen de políticas para recuperar a economía e manteñen a desigualdade social”:

Aumentan os orzamentos?, preguntou a deputada que respondeu, si. Mudan as prioridades políticas para corrixir as políticas que debilitaron os servizos públicos e aumentaron a desigualdade social?, radicalmente, non.

“Polo tanto, máis recursos pero mesmo marco regulatorio levan a que este Articulado reflexe o continuísmo dun modelo que desde o nacionalismo galego rexeitamos a través dun total de 34 emendas”.

O conxunto de normas do Articulado, é  a letra pequena dos Orzamentos e un ano máis, caracterízanse, “polo continuísmo,  falta  de vontade e ambición  para superar o déficit e , políticas submisas”.

Presas lamentou que o Partido popular non aceptara ningunha emenda do BNG o que, ao seu xuízo,  “demostra a incapacidade do goberno para dialogar. Este goberno “é incapaz de mirar cara os problemas da xente porque só mira para o seu embigo”.

Saímos da recesión, pero a que prezo?. Con que resultado?. Quen pagou e segue a pagar a hipoteca da crise?, volveu preguntar a nacionalista. A  fenda entre a parte máis alta e máis baixa da distribución da riqueza “é cada vez maior”. Temos  700.000 persoas que non chegan ao SMI e a luz,  carburantes, e vivenda... soben e soben.

En 2008, engadiu, explicou a nacionalista,  o Salario Mínimo Interprofesional  estaba en 600 euros, no 2017 en 707 e mentres  a vivenda e  servizos básicos aumentaron un 20%, “o SMI só o fixo nun 15%”.

Agora o señor Rajoy véndenos que igual soben un 4%, “nin 20 euros”, que non dá nin para cubrir a suba da gasolina e da luz, e vostedes “aplaudindo  coas orellas en lugar de exercer poder político e esixir máis”.

O BNG EMENDA O ARTICULADO CON 34 PROPOSTAS

Mediante as  propostas, dende o BNG  apostamos “sen fisuras” por dar un cambio de rumbo centrado en tres grandes ámbitos de actuación: “Blindar os servizos públicos e o gasto social, traballar pola recuperación e a calidade do emprego público  e afondar nunha maior transparencia”.

Opoñémonos de raíz ao espírito do artigo 9 porque é un artigo  que prioriza as  imposicións de déficit que marcan en Madrid. “Comprometámonos a blindar o gasto na   a sanidade, o ensino, a dependencia e servizos sociais”.

Emenda   á colaboración público privadas para  salvagardar os servizos básicos como servizos públicos

Nesta liña afirmou que o   modelo de colaboración   público-privada  está destinado a  entregar progresivamente servizos e infraestruturas públicas a mans privadas. E para isto, propoñemos dúas  liñas de actuación:  que en ningún caso o canon  para o concesionario supere o custo financeiro e impedir vergonzas como o acontecido “co calote do Hospital Cunqueiro” e iniciar no 2018 o progresivo rescate das concesións outorgadas a través da colaboración público privada en servizos públicos sanitarios ou educativos. “Queremos  recuperar estes servizos para a xestión íntegra pública”.

Por outra banda,  defendeu emendas  contra o incremento  de concertos educativos que o Partido popular  “ blindou ata o 2023” coa inclusión de centros que segregan por sexo.

Sobre gastos de persoal reclamou “ restituír dereitos retributivos, restituír   volume de traballadores e  restituír a dotación da administración e dos seus servizos”.

Vostedes publicitan moito a OPE, pero non hai unha desconxelación real  de profesorado. As interinidades dispáranse en secundaria, FP, EOI e réxime especial chegando ao 60% dos docentes con destino provisional, o   19% do profesorado leva nesta situación até  10 anos, e todo indica que esta situación  non   vai mudar.

Finalmente referiuse a un bloque de emendas encamiñadas a mellorar a xestión orzamentaria, o control e a transparencia.  Lamentamos que desta volta o  Partido de goberno cedera tan sequera en algo tan elemental como entrar no século XXI e facilitar a información ao Parlamento, apostilou.

Desde o BNG entendemos que corresponde cumprir coas esixencias da sociedade en favor de que a transparencia sexa información real e accesíbel, por iso presentamos diversas propostas en canto  a  prazos, exposicións públicas e unha “Oficina de control orzamentario”.Concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG