Noa Presas: “A campaña do BNG contra a violencia machista vai dirixida desta volta aos agresores”

Noa Presas
Noa Presas

Tres carteis , mocións en concellos e deputacións  e diversas propostas parlamentarias  para loitar contra a violencia de xénero conforman a campaña para visibilizar situacións cotiáns que agraden ás mulleres

Noa Presas: “A campaña do BNG contra a violencia machista vai dirixida desta volta aos agresores”

O BNG lanza a campaña do “25 de Novembro, Día contra a violencia de Xénero” dirixíndose aos agresores a través de tres preguntas que responden á violencia normalizada na sociedade e no ámbito da parella.

A responsable de Acción Feminista e deputada do BNG, Noa Presas presentou hoxe os tres carteis coas  preguntas: “Ameazáchela, dubidas se ela quería sexo ou espiaches o seu móbil”, para poñer o acento en prácticas habituais  que constitúen situacións de   violencia contra as mulleres.

A parlamentaria explicou que o no día contra a violencia de xénero,  as campañas van dirixidas ás vítimas pero, nesta ocasión, “dende o BNG queremos dirixirnos aos agresores”  porque, a violencia machista “non son só  as  hostias e os golpes, non son unicamente as mortes, as raíces do patriarcado son moito máis complexas e están presentes en accións moi cotiás e moi normalizadas”.   

Para o BNG, o combate contra o terrorismo machista é “unha prioridade que debe estenderse aos 365 días do ano” e hoxe a nosa campaña vai  dirixida á toda a sociedade a través de mocións nos concellos nos que temos representación,   propostas parlamentarias e  unha intensa axenda de actos nas cabeceiras das comarcas. Neste sentido, instou á Xunta a non desperdiciar a oportunidade de destinar o 1% dos orzamentos para loitar contra a violencia machista no próximo debate dos orzamentos que se celebrará non Parlamento galego nas vindeiras semanas.

En xeral, as campañas van dirixidas ás vítimas, ou potencialmente vítimas do terrorismo machista e descansan todo o peso en como defenderse desa violencia pero dende o BNG queremos poñer o foto en quen exerce esa violencia e quen a deixa pasar, a ese sector é ao que queremos  diriximos, reiterou.

Por outra parte considerou que as campañas “deben denunciar a tolerancia coa violencia” e criticou que trala violación grupal a unha moza nas festas de San Fermín os cinco  implicados que se denominan “A manada” lancen mensaxes cuestionando a conduta da vítima para xustificar o acto  “salvaxe” que cometeron con ela. “Non podemos permitir esta tolerancia”, recalcou Presas.

Dende hai sete anos en Galiza rexistráronse 55 feminicidios, o 60% no ámbito íntimo e o 40% fora da parella, estes datos son alarmantes e merecen un debate en profundidade. Por esta razón, o BNG celebrará o vindeiro sábado unha xornada no Parlamento galego para analizar as eivas no sistema xudicial e as medidas a aplicar contra o terrorismo de xénero.

O BNG INSTA Á XUNTA A RETIRAR A CAMPAÑA  DO 25 DE NOVEMBRO

Noa Presas instou á Xunta  a “rectificar e retirar de inmediato” a campaña institucional contra a violencia de xénero. A deputada manifestou o seu rexeitamento a unha campaña que “ofende ás mulleres e as cousifica” e que insiste en manter estereotipos que inciden negativamente e alimentan a violencia. Por outra parte avanzou que o BNG pedirá explicacións do investimento da campaña da Xunta, baixo o título “O máis grande non se maltrata” cunha contía de 160 mil euros, “o triple que custaron as campañas de 2014, 2015 e 2016”, concluíu.