Día Internacional das Mulleres

As mulleres que se atreveron a denunciar o acoso laboral, protagonistas da campaña do BNG do 8 de marzo

NOAPRESAS MARIBELCOTO NELIDAPISCO ANAPONTON
Noa Presas, Maribel Coto, Nélida e Ana Pontón
  • Ana Pontón denuncia que as mulleres están máis desprotexidas pola normativa aprobada polo PP nos últimos anos e preguntará a Feijóo na sesión de control do Parlamento polo incremento da desigualdade

Baixo o lema O acoso laboral é desigualdade, é violencia: Erradiquémolo, o BNG pon en marcha a campaña con motivo do 8M centrada na loita contra o acoso laboral e da man de mulleres que sufriron esta forma de violencia e tiveron a coraxe de denunciar e defender os seus dereitos: Nélida Pisco e Maribel Coto que, xunto coa portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de Igualdade, Noa Presas, puxeron o foco sobre este problema en vésperas da celebración do Día Internacional da Muller.

Nélida e Maribel, -nun relato contundente e clarificador da súa situación persoal de acoso laboral e de acoso sexual no traballo-, denunciaron a indefensión na que se ven tanto por parte das empresas como por parte dos poderes públicos, e instaron ás mulleres a denunciar por ser a única maneira de mudar as cousas.

“O importante é loitar porque recuperas a túa autoestima, porque cando loitas as cousas cambian aínda que non che dean a razón”, subliñou Maribel. “Non estou triste, estou enfadada, pero estou aquí polas miñas nenas, que son mulleres, e cando miro para elas digo, isto non pode ser así, por elas xa merece a pena loitar”,  explicaba Nélida.

BNG PRESENTACION CAMPAÑA8MA portavoz nacional puxo sobre a mesa a escalada de asasinatos de mulleres, -16 en dous meses-, a causa do terrorismo machista como expresión extrema de desigualdade e de violencia e criticou a falta de implicación da Administración pública que non ve nestes crimes un problema de Estado. “Que pasaría se en lugar de 16 mulleres asasinasen a 16 deputados ou deputadas? Minutos de silencio?”, interpelou, como primeira reflexión na presentación da campaña do Bloque para o 8M.

Pontón salientou que a crise agudizou a discriminación e a desigualdade laboral das mulleres. “Coa crise medrou a desprotección das mulleres no ámbito laboral,  agora máis vulnerables, e o Estado en vez de amparalas o que fixo foi aprobar normas que nos restan mecanismos para defender os nosos dereitos”, indicou. Citando o informe 2016 do Fondo Mundial Económico, ao ritmo actual precísanse 170 anos para acadar a igualdade económica entre homes e mulleres.

A dirixente nacionalista explicou as medidas do Bloque para combater o acoso sexual no traballo e o acoso laboral por razón de sexo, en particular as que poden implementarse na Administración pública, “para dar exemplo”.

Así, o BNG propón que as administracións rescindan as contratacións con empresas que teñan condenas por acoso sexual e moral e incluír nos pregos de contratación penalizacións e rescisión de contratos por causa de discriminación por xénero ou orientación sexual.

Manifestación día internacional da muller

Igualmente, sancións a todas as empresas que vulneren a igualdade de xénero e promover escolas infantís nas compañías de máis de 300 empregos para que os país e as nais podan deixar aos fillos e fillas. “Hai que ter en conta que Galiza é a segunda comunidade que máis denuncias acumula por vulneración da conciliación familiar, segundo o informe do Consello Xeral do Poder Xudicial”, explicou Pontón.

O Bloque tamén pide que se faga un estudo de avaliación da Lei galega de igualdade, tras doce anos de funcionamento e unha revisión dos protocolos de actuación e protección das mulleres que sofren acoso laboral. A portavoz nacional interpelará ao presidente da Xunta polo incremento da desigualdade entre as mulleres na próxima sesión de control no Parlamento e, en nome do BNG, convida a participar na manifestación organizada en Santiago este domingo con motivo do Día internacional da Muller.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG