Miranda:"O campamento de Calais é un vertedoiro onde se amorean 5.000 refuxiad@s a 3 horas de París"

Escola improvisada no Campo de refuxiados de Calais. Foto Delmi Alvarez.

Ana Miranda conversa cun refuxiado sirio no campo de Calais

O BNG volve reclamar en Bruxelas un paso seguro por territorio comunitario para os miles de refuxiados e refuxiadas, e unha política de asilo coordinada e solvente que garanta os dereitos humanos, despois de comprobar in situ as condicicións de miseria de 5.000 persoas no campo de refuxiados de Calais, o maior de toda Europa.

"É un vertedoiro no que se amorean 5.000 persoas a dúas horas de París e a tres de Bruxelas, entre elas 200 menores sós, malia denuncia da desaparición de 10.000 menores refuxiados en territorio europeo", critica a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, tras percorrer o campamento con diversas ONGs no terreo e de falar cos propios afectados procedentes de Siría, pero tamén de Irán, Irak, Afganistan, e países africanos.

Ana Miranda e a eurodeputada Jill Evans no campo de refuxiados de Calais. Foto Delmi Alvarez.

Miranda describe o campo de Calais, coñecido como a xungla, “como un lameiro de 18 hectáreas ao lado do túnel do Canal da Mancha, con precariedade e miseria absolutas”, sen que as autoridades francesas presten servizos básicos como asistencia sanitaria e saneamento, “proporcionados por un voluntariado admirable fronte a inacción dos Gobernos europeos”.

A visita foi organiza pola Alianza Libre Europea (ALE), partido europeo no que está integrado o BNG, coa participación de eurodeputadas como a galesa Jill Evans e a propia Miranda, quen advertía da información que apunta á intención do goberno galo de desmantelar o campo de refuxiados de Calais.

“Estamos nunha Europa que presume de valores e amosa unha terrible deshumanización na xestión desta crise migratoria. Europa perdeu o sentido da solidaridade e non hai valados que poidan conter as ansias de supervivencia", afirma a nacionalista.

Escola improvisada no Campo de refuxiados de Calais. Foto Delmi Alvarez.

Miranda denuncia que a UE bloquea crear un corredor humanitario entre Estados europeos, polo que o BNG demanda da Comisión Europea un paso seguro por territorio comunitario. No caso das persoas amoreadas en Calais, buscan chegar ao Reino Unido. Igualmente, pide a distribución por Estados dacordo ás preferencias dos afectados e libre circulación das persoas asiladas e migrantes nas mesmas condicións que a cidadanía comunitaria. O BNG vai participar na manifestación da marcha europea a favor das persoas refuxiadas prevista para o 27 de febreiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG