Mini: “Os concellos de menos de 5.000 habitantes non teñen recursos para prevención de incendios”

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

Xosé Luís Rivas reclamou a Xunta que axude aos concellos a xestionar as faixas de seguridade dos núcleos de poboación ante a falta de orzamentos municipais

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas advertiu das dificultades económicas dos concellos con menos de 5.000 habitantes para xestionar os labores de prevención contra os incendios e demandou da Xunta axudas para as faixas de seguridade nos núcleos de poboación ante a proximidade de situacións de risco por novos incendios.

Na xestión das faixas de seguridade e de protección de núcleos e infraestruturas, as medidas que a Xunta propón por medio das instrucións distribuídas aos  concellos a través da  Fegamp distribúen para as entidades municipais as competencias de vixiar e inspeccionar a xestión da biomasa arredor das vivendas( núcleos rurais, zonas urbanizables, vivendas illadas), incluíndo  as notificacións a propietarios de  limpar subsidiariamente a biomasa no caso de non facelo o propio concello,  así como  o labor de vixilancia e de ser preceptivo,  impoñer sancións, explicou Rivas.

O deputado  asegurou  que os concellos, sobre todo os de menos de 5.000 habitantes “non teñen capacidade para asumir  un plan de actuación sistemático e continuado e tampouco contan con persoal  persoal para vixiar e  levantar actas que poidan rematar  en sancións”.

Rivas reclamou  á Xunta “poñer en marcha  axudas aos  concellos para poder levar a cabo este labor de  xestión preventiva con orzamentos axeitados e dotalos de recursos humanos e técnicos incidindo  na optimización do coñecemento e recursos dos distritos forestais.” Neste sentido, o parlamentario criticou a emenda presentada polo Partido popular que defendía a  subcontratación de empresas privadas para realizar estes  labores.

A resposta do PP  ás reclamacións do nacionalista foron recollidas nunha emenda que finalmente o deputado do BNG aceptou a pesar, dixo de ser  “insuficiente” por non responder a toda a problemática dos  concellos neste ámbito.

A proposición non de lei do BNG para actuar na prevención dos incendios forestais nas zonas próximas aos núcleos rurais e vivendas habitadas foi aprobada por unanimidade.

Por outra parte, na Comisión de Agricultura o parlamentario do BNG tamén defendeu unha Proposición non de lei  sobre as medidas a impulsar pola Xunta para retirar dos montes veciñais en man común a madeira afectada e queimada polos incendios forestais.

Rivas afirmou  que nos   montes veciñais en man común  xestionados pola veciñanza comuneira, a madeira queimada foi sacada e puxada a tempo e a prezos razoables, sen embargo, “nos montes veciñais xestionados pola Administración Forestal, aínda está a medio sacar desprezando o seu valor económico”. Para o deputado, esta circunstancia constata “a ineficacia da  xestión   da Administración Forestal”.

 “Mentres a madeira puxada e retirada  en tempo no mes de decembro era   vendida a un prezo razoable, nos montes conveniados o prezo foi irrisorio” porque  que  gran  parte desa madeira  foi   puxada  no mes  de febreiro. O nacionalista afirmou que esta situación reforza, ao seu xuízo,  “un círculo pernicioso: queima, ingresos mínimos, pequena inversión na restauración, abandono, queima…”

Ademais, este feito agrávase  na zona afectada pola praga do nematodo do piñeiro. “Por lei e por conveniencia de control a madeira tiña que estar sacada e tratada antes do 1 de abril, a estas alturas aínda está moita dela no monte”, concluíu.

A proposición non de lei defendida polo deputado do BNG reclamando á Xunta medidas para retirar a madeira afectada e queimada polos incendios forestais  dos montes veciñais en man común conveniados foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular na comisión de Agricultura, Gandaría  e Montes celebrada hoxe no Parlamento galego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG