A inacción da Xunta en política lingüística durante oito anos provocou a perda de galegofalantes

Olalla Rodil
  • No ano 2017 ningún  filme foi dobrado en galego,  o  ensino nas  carreiras universitarias  non alcanza  nin o 3%  e nas emisoras de radio que escoita a mocidade a música en galego representa o 0,1%

No transcurso da  interpelación ao conselleiro de Educación sobre a redución de galegofalantes e a situación da lingua galega,  a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil acusou á Xunta de “inacción” e falta dunha política lingüística destinada a protexer e dar máis presenza ao galego. Neste sentido, preguntou polo anunciado Plan  de normalización de usos da lingua galega que o goberno da Xunta está a preparar para a mocidade e que deu a coñecer coincidindo co Día Internacional da Lingua inicial.

Rodil asegurou que a  realidade lingüística galega  evidencia que cada vez “máis mocidade é educada só en castelán, estuda só en castelán, traballa só en castelán, namora só en castelán, só le literatura en castelán  e só pode ver filmes en castelán”.

A deputada criticou que durante o ano 2017 ningún filme de estrea fora dobrado ao galego, que o alumnado non reciba   Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en galego  ou que non exista ningunha  autoescola que ensine o manual de conducir en no noso idioma. Ademais, dixo hai  carreiras universitarias en Galiza que non alcanzan o  3% do ensino no idioma propio é a música que escoita a xente nova  nas emisoras é do  0,1%.

A deputada indicou  que as persoas  monolingües en galego nas cidades apenas son o  12% da mocidade. Ou o que é o mesmo, explicou,  “falantes parciais ou totais en español nas cidades de Ferrol e Vigo superan o 80% e na  Coruña ou Pontevedra máis do 75%”.

 Nas vilas entre 20 mil e 50 mil habitantes Vilagarcía ou Narón, engadiu, o proceso de substitución lingüística, de cambio do galego ao español, agudizouse enormemente pasando a porcentaxe de castelanfalantes entre mocidade do 44% ao 55% en só 10 anos. “Máis da metade, nunha  década”.

Rodil volveu a preguntar  polo contido  do  Plan   de normalización de usos da lingua galega, como se está  a elaborar, que   medidas o integrarán ou que liña discursiva seguirán despois de dicirlle durante anos á mocidade que traballar na defensa do idioma e procurar a súa presenza en todos os espazos  é unha imposición. “Vostedes racharon o consenso lingüístico e uso da lingua como arma electoralista antes do ano 2009”.

A deputada rematou a súa intervención preguntando ao titular de Educación e Cultura como pensaba o Partido popular emendar as consecuencias da súa política e discurso de “agresión contra o idioma galego”.

Pola súa parte, Román Rodríguez apostou por lograr un “consenso coa cidadanía para coñecer e impulsar o uso do galego”. Hoxe o galego está “normalizado practicamente en todos os ámbitos”, afirmou o conselleiro  ao que a deputada replicou  que “ o Partido popular é especialista en acusar ao BNG de alarmista” pero a realidade, dixo, é a que reflicten os datos elaborados polo Instituto Galego de Estatística con ”absoluta independencia e que poñen en riba da mesa unha realidade que é a que hai”:

A deputada reiterou que Galiza segue perdendo galegofalantes e mesmo en zonas rurais e da montaña ante o proceso de urbanización que  asimilou  unha cultura máis castelanizada. “Pídolle que non minta nin falte á verdade nesta tribuna”. Hai que actuar sobre a realidade para mudala, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG