Estreamos novo logotipo após 30 anos para reforzar o tempo novo iniciado co liderado de Ana Pontón

Catuxa, Ana Pontón e Carme
Catuxa, Ana Pontón e Carme
Estreamos novo logotipo após 30 anos para reforzar o tempo novo iniciado co liderado de Ana Pontón
  • “Sen perder nada do que somos a nova imaxe, máis sinxela, moderna, e actualizada, representa a capacidade de adaptarnos aos novos tempos”, explicou Pontón
  • “Día importante e emocionante para o Bloque”, indicou, na presentación dun logo que reflexa a actualización do proxecto político e o cambio xeracional na dirección

Acompañada por Catuxa, unha das militantes máis mozas, e por Carme, unha das máis veteranas, a portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a nova imaxe corporativa do BNG que muda o seu logotipo por primeira vez en máis de trinta anos. Un logo novo para un tempo novo da man dunha nova xeración, que quere simbolizar o mellor do pasado e a capacidade para actualizarse e presentar un proxecto renovado á Galiza de hoxe.

“É un día importante e emocionante para o BNG porque non se estrea logo todos os días”, salientou Pontón, quen explicou que a nova imaxe “quere recoller a traxectoria dun proxecto político que leva décadas de traballo en defensa deste país e, ao mesmo tempo, é capaz de exercer a autocrítica e de actualizarnos para presentar un proxecto político renovado”.

A dirixente do Bloque indicou que o novo logotipo “recupera a cor azul da bandeira galega, opta polas minúsculas para transmitir máis proximidade, modernidade e unha imaxe máis actual, pero mantendo a bandeira galega no noso logotipo, algo que para nós era moi importante. O novo logo representa o novo tempo político que abrimos no BNG, representa a renovación xeracional e a confianza nun proxecto de futuro”, sintetizou.

A nova imaxe muda substancialmente o histórico logo do Bloque e pretende transmitir unha organización renovada, ilusionada e actualizada por dentro e por fora, cunha imaxe máis aberta e modernizada, que parte da historia que acumula esta organización política para proxectarse cara o futuro”, como se explica no propio manual corporativo, elaborado por unha equipa de creativos e creativas que levan tempo traballando co BNG. “Son xente da casa”, indicou o secretario de Comunicación, Xavier Campos.

O cambio faise simultaneamente na práctica totalidade das sedes, nas redes sociais, nos perfís profesionais dos cargos públicos nacionalistas e se aplicará de inmediato a todas as comunicacións, publicidade e propaganda que emita a formación.

Orgullo do pasado, mirando ao futuro

“Hai unha etapa nova no BNG da man dunha nova xeración, da que eu mesma e outros moitos compañeiros e compañeiras asumimos a dirección, e este novo logo tamén quere representar ese tempo novo, que recolle o mellor do nacionalismo, porque estamos moi orgullosos do noso pasado, pero demostramos que temos capacidade de aprender dos erros e temos capacidade para renovarnos e mirar para o futuro”, explicou Pontón no acto de presentación nunha sede nacional con cartelería renovada.

Incidindo na idea de tempo novo, a portavoz nacional indicou que o Bloque “é hoxe unha organización á que cada día se suman novos militantes e simpatizantes, que está nunha nova etapa cun proxecto solvente e de futuro”. “Queriamos que todos eses cambios se viran tamén nesta imaxe máis sinxela, moderna, actualizada que, sen perder nada do que somos, tamén representa a capacidade de adaptarnos aos novos tempos”, afondou.

O cambio de logotipo ven precedido da renovación das teses políticas, dunha actualización do proxecto político e tras levar a cabo un importante relevo xeracional nos órganos de dirección. “O novo logo ven reforzar visualmente este tempo novo no BNG que, pensamos, debía ter un correlato na imaxe gráfica”, explicou Pontón, “tendo en conta que o importante son as ideas e a capacidade para seguir ilusionando a cada vez máis galegos e galegas desde un proxecto que aspira a todo”, concluíu.