Davila demandou á Ana Mato un incremento dos orzamentos para loitar contra a violencia de xénero

XUNTA ANA MATO 007A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, acudiu esta tarde á xunta que convocou a Ministra de Sanidade e Asuntos Sociais, Ana Mato, para abordar a Lei Integral de Violencia de Xénero e as posíbeis modificacións.

Após de escoitar á titular de Asuntos Sociais, Davila trasladoulle algunhas das preocupacións do BNG como que é o que está acontecendo coas ordes de alonxamento, por que se incumpren con impunidade e sen control, enfatizando a necesidade de investigar as deficiencias e fallos nese sentido porque este verán “vimos como mulleres con ordes de alonxamento eran asasinadas a máns das súas ex parellas ou volvían a ser obxecto de maos tratos”.

A deputada do BNG urxiu á Ana Mato a adoptar medidas eficaces e imediatas para atallar a espiral de violencia contra as mulleres que se está producindo. Nese sentido, apelou á Ministra a incrementar as partidas orzamentarias destinadas a loitar contra esta lacra social. “Orzamentos que se deben aumentar despois de dous anos de reducións e rebaixas constantes”.

Advertiu sobre os efectos perniciosos que están a ter os recortes en materia de política social, nomeadamente nesta materia, porque se baixou a garda en políticas preventivas en relación ás mulleres nesa terríbel situación.

Asemade, advertiu á titular de Asuntos Sociais de que calquer modificación ou cambio que se realice en materia de violencia de xénero debe producirse no marco da Lei Integral de Violencia de Xénero e non noutras leis en tramitación como o proxecto de lei Orgánica pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal. Davila considera que todo cambio normativo debe ser introducido na Lei pertinente, que é a de Violencia de Xénero.

Olaia Fernández Davila instou á titular de Asuntos Sociais a facer unha análise profunda das causas da redución das denuncias e do aumento da retirada das denuncias.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG