Davila afirma que o "PP repite os Orzamentos pasados para Galiza" e denuncia que "non os executa"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, realizou unha primeira avaliación dos orzamentos que o Goberno central destina a Galiza para o vindeiro exercicio 2014, para pór de manifesto que “a partida total para Galiza é similar á do ano pasado. Estamos practicamente antes os mesmos Orzamentos do exercicio anterior”.

Unha primeira e rápida sumatoria ofrece unha cifra dun orzamento total para Galiza de 1.339 millóns de euros, cando o ano pasado era de 1.304 millóns. É dicer, “tan só un 1,5% máis”.

Davila subliña que “unha cousa é o que se pón sobre o papel que todo o aguanta, e outra moi distinta o que o Goberno fai. E o feito é que a práctica deste Goberno nos dous últimos exercicios é a de incumprir flagrantemente as partidas que programa para o noso territorio”.

A portavoz do BNG sinalou que “o groso do investimento para Galiza vai para as obras do AVE, pero debemos advertir que non se está executando o que se programa nos Orzamentos. De feito, no AVE Lubián-Ourense só se está a traballar nunha vía, co cal, é evidente que non se cumprirá o prazo de 2018 e que o horizonte de remate das obras irá máis alá desa data”.

De igual xeito, aludiu a actuación en estradas como a A-57 ou a A-59 que “tanto no 2012 como no 2013 contaban cunha serie de partidas que nunca se executaron. E así poderíamos seguer para pór en evidencia que o Goberno non executa o que programa nos Orzamentos para Galiza”.

De todos os xeitos, Davila subliñou que “a maior parte do investimento para Galiza vai para as obras do AVE mentras se esquecen por completo as necesidades do territorio galego en sectores productivos como o naval, o agro ou a pesca”.

Máis empobrecemento

A portavoz do BNG no Congreso sinalou que “á espera de poder analisar os orzamentos con maior detalle, temos que enfatizar que son uns orzamentos para emprobrecer aínda máis á xente”.”Unhas contas que manteñen os recortes de 2013 e incluso vai máis alá. Aludo en concreto á importante perda de poder adquisitivo dos pensionistas xa que só se van revalorizar as pensións un 0,25%, que como dicer nada dado o aumento do custe da vida, dos impostos indirectos e de todo”.

Nese sentido, mencionou as subas do IVE en productos sanitarios “sumadas ao copago”, aludiu á conxelación dos salarios dos traballadores públicos, e aos incrementos de impostos como o IBI, o IRPF que “van facer moito máis difícil que as familias e as persoas cheguen a final de mes dadas as caídas de salarios, de pensións e a falla de traballo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG