O BNG propón incrementar en 223 millóns de euros os recursos da Atención Primaria

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón: “Feijóo compórtase como un cínico cando admite colapsos en urxencias pero ignora que se deben aos recortes do PP en sanidade”

Insta a participar na mobilización do 4 de febreiro convocada por SOS Sanidade Pública

O BNG propón incrementar en 223 millóns de euros os recursos da Atención Primaria

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualifica de cínico ao presidente da Xunta cando admite que hai un problema co colapso das urxencias hospitalarias pero obvia que é unha consecuencia dos recortes aplicados polo PP á sanidade pública, que supuxeron a perda de 3.000 profesionais e unha diminución acumulada desde 2009 de 2.000M€ só en atención primaria.

O BNG considera que é precisamente o derrube dos recursos en atención primaria o que está detrás do colapso das últimas semanas, e por iso propón un incremento inmediato dos recursos cunha modificación orzamentaria urxente de 223M€, un 19%, simplemente para recuperar a contía previa á chegada de Feijóo á Presidencia. Así, en 2009, atención primaria contaba cun orzamento de 1.437M€, mentres que nos orzamentos de 2018 esa cifra caeu a 1.214M€.

“As enquisas recollen que a valoración da sanidade galega cae, indicador do  problema que está xerando o modelo sanitario de Feijóo consistente en privatizacións, recortes e precarización da sanidade”, indicou Pontón, quen salientou que “cando se recoñece un problema nunha democracia madura, os responsables do caos deben dimitir ou ser cesados”, empezando pola dirección do SERGAS,  “e poñer en marcha un cambio de rumbo”.

“O que resulta indigno, unha falta de respecto coas persoas doentes é a resposta de Feijóo con ocorrencias como propoñer amorear aos pacientes na habitacións como se fosen caixas de sardiñas”, recriminou a dirixente do Bloque, quen reclamou ao presidente galego “que poña fin aos recortes que matan, ás contrarreformas que atentan contra o dereito á saúde e que tome nota de que os colapsos nas urxencias en inverno se solucionan no verán con máis medios técnicos e humanos na atención primaria”.

Para reverter a situación derivada dos recortes e do proceso de privatización do PP, o BNG pídelle ao Goberno da Xunta “menos ocorrencias, menos faltas de respecto e máis medidas reais para poñer en marcha un cambio no sistema sanitario”, como as que formula a formación nacionalista. Ademais da modificación orzamentaria de 223 millóns de euros, propón a retirada da contrarreforma da Lei de Saúde de Galiza e un Plan de mellora da atención primaria consensuado con todos os axentes implicados.

Plan para a atención primaria en cinco medidas

Ese plan de mellora, explicou Pontón, debe recoller cinco medidas concretas.

En primeiro lugar, incrementar o número de profesionais das diferentes categorías para acabar coa masificación dos cupos, de tal xeito que cada facultativo teña un máximo de 1.250 tarxetas sanitarias. Segundo, mellorar os equipamentos nos centros de saúde, como terceira medida suprimir as limitacións ás probas diagnósticas por parte do persoal de atención primaria, cobertura do 100% das baixas e, finalmente, poñer en marcha un proceso de formación que se adapte ás necesidades reais do SERGAS, tendo en conta que o 53% dos e das médicos superan os 55 anos.

O Bloque ten claro que hai que reverter a situación de recortes e de privatizacións consumada polo PP ao longo dos últimos anos, que está provocando que de novo milleiros de persoas saían ás rúas en defensa dunha sanidade pública de calidade, universal e gratuíta. Neste sentido, Pontón instou a unha participación masiva na mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública prevista para o vindeiro 4 de febreiro.

“Unha mobilización que apoiamos desde o BNG ao tempo que facemos un chamamento á cidadanía a implicarse, para lanzar unha mensaxe clara ao Goberno de Feijóo reclamando a retirada da contrarreforma sanitaria aprobada en solitario polo PP   e en defensa da sanidade pública”, concluíu.