Parlamento Galego

O BNG propón aplicar un IVE “superreducido” na factura da luz

DSC_0012
Ana Pontón
  • A portavoz do BNG , Ana Pontón rexeita que a subida da luz dependa da chuvia e propón unha “tarifa eléctrica galega “ baixando o IVE do 21% ao 4%

A portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón cuestionou “os privilexios das eléctricas”  que, ao seu xuízo, mandan máis que os gobernos e propuxo “unha tarifa eléctrica galega” para  compensar o impacto social e ambiental provocado pola xeración de enerxía,  “unha fiscalidade máis xusta" rebaixando  o IVE do 21% ao 4% para que  os galegos e galegas obteñamos  beneficio por  seren excendentarios en produción eléctrica.

Desde o BNG, dixo,  temos claro que Galiza ten dereito a beneficiarse da produción de enerxía, isto é a través dunha tarifa eléctrica galega que nos permita ter unha tarifa máis barata e xusta, e que sería un revulsivo á hora de crear emprego e  acabar coa pobreza enerxética.

Para a portavoz nacionalista, en Galiza estase a producir unha situación de  “espolio” da nosa riqueza:   “pagamos unha das facturas máis altas de Europa, regalamos solidariamente a electricidade ao resto do Estado e por riba, pagamos os custes por exportar enerxía”.

A portavoz parlamentaria explicou que na tarifa que pagamos todos os galegos e galegas,  pagamos conceptos de “solidariedade territorial”, como son os extracustos da xeración extrapeninsular ,Baleares, Canarias, Ceuta e Melilla, e  que supoñen  uns 1.800 millóns de euros anuais, ou o transporte a Comunidades moi deficitarias, caso paradigmático de Madrid que só produce o 0,4% do Estado e consume o 11%, “máis da metade da factura son impostos”, recalcou. Por outra banda, tamén sinalou que  cada vez que sobe a luz “o goberno gaña” e este mes de xaneiro Facenda recadará 294 M€ máis que no mes pasado.

Ademais,  ao encarecemento da luz hai que sumar o canon eólico que impuxo Feijóo e que suporá un incremento de 13 euros máis ao ano. Sobre o canón eólico, Pontón afirmou que Feijóo cometeu un “erro garrafal” ao cargarse o concurso eólico e renunciar á participación pública nos parques eólicos. Esta decisión, dixo, non só provocou un parón do desenvolvemento das renovábeis e a perda de miles de postos de traballo, senón que ao final vai significar que “os galegos e galegas paguemos a luz máis cara que o resto do estado”.

Finalmente, a  portavoz do BNG reiterou a necesidade dunha  tarifa eléctrica galega que evite que paguemos máis do que realmente costa o subministro da luz na Galiza,  unha nova fiscalidade, dado que máis da metade da factura da luz son impostos, coa rebaixa  do IVE da luz do 21% ao 4% e eliminar todas as trabas legais ao autoconsumo e ao coñecido  “imposto ao sol”.

Ana Pontón concluíu preguntando porqué os vascos teñen unha tarifa eléctrica propia e en Galiza as familias e empresas non se poden beneficiar da produción de enerxía.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG