O BNG ponse a “disposición de Galiza” para loitar contra o lume e pide a comparecencia de Feijóo

Ana Pontón critica o desamparo da Xunta ante unha situación previsible, e denuncia “a política criminal de abandono programado do medio rural”

Traslada toda a solidariedade polas vítimas, ás miles de persoas afectadas e o recoñecemento a tod@s @s que traballan na extinción

Ante un balance “aterrador” con catro vítimas mortais, miles de persoas afectadas, centos de hectáreas e propiedades queimadas nun país cercado polo lume, a portavoz nacional, Ana Pontón, expresou a total solidariedade e apoio dun BNG “que se pon a disposición de Galiza” porque a prioridade é apagar os incendios.

“Todo o noso afecto ás familias das vítimas e a todas as persoas afectadas, e todo o noso recoñecemento aos que participan na extinción en condicións extremas”, salientou Pontón, quen fixo extensivo o recoñecemento a “todo o pobo galego que esta a dar un exemplo de dignidade colectiva, auto organizándose para enfrontar esta catástrofe”.

Pontón denuncia “o caos, a descoordinación, o abandono e desamparo” da poboación porque “nin o Goberno da galego nin o Goberno central estiveron á altura da situación”, e ante unhas circunstancias “extraordinarias pero previsibles”, das que o BNG leva semanas advertindo e ás que a Xunta “fixo ouvidos xordos”. “Ante situacións extraordinarias era preciso tomar medidas preventivas extraordinarias que o Goberno non quixo atender”, denunciou.

Neste sentido, o Bloque solicita a comparecencia urxente no vindeiro pleno do presidente da Xunta, porque é a súa obriga “dar a cara” ante esta situación “extrema” para informar, explicar o funcionamento dos dispositivos e para iniciar unha reflexión de fondo sobre o que é preciso mudar para evitar o drama dos incendios. Lembra Pontón que remitiu unha carta ao presidente da Xunta tras a traxedia en Portugal para mudar o rumbo da política forestal, “que nin se dignou contestar”.

Porque máis aló desta situación extraordinaria, máis aló da existencia de incendiarios, hai un problema de fondo: “A política criminal de abandono programado do medio rural e unha política forestal ao servizo da pasteira ENCE que deriva na eucaliptización do país”, denunciou a dirixente nacionalista.

“Tendo en conta como está o territorio,  o lume convértese non só nun problema forestal senón nunha cuestión que afecta á seguridade pública e á seguridade das persoas”, alegou Pontón, que comparte “a dor, a indignación e a rabia que senten miles de persoas” ante o drama desta vaga de lumes.

Arde Galiza e a RTVG con fútbol e Land Rober

O BNG foi moi crítico co papelón da radio e da televisión públicas que lonxe de exercer a súa función de servizo público facilitando información á cidadanía ante unha situación de emerxencia nacional, adicáronse a facer seguimento do fútbol e a emitir o programa land rover. “Non nos sentimos representadas por estes medios públicos que pagamos co esforzo de todos e todas”, criticou Pontón, quen reclamou o cese do director xeral dunha CRTVG “só preocupada por facer de escudo do Goberno e difundir o seu relato”.

A portavoz do Bloque demandou da Xunta información fidedigna á cidadanía sobre que vías de comunicación están cortadas, por cales se pode circular é onde hai riscos.  “É o mínimo”, salientou a deputada.

Concentracións e zonas afectadas

A portavoz nacional, así como outros responsables políticos do BNG, realizarán de novo un percorrido para visitar en situ algunhas das zonas máis afectadas polos lumes. En concreto, Pontón desprazarase ao Concello das Neves e Ponteareas, así como outras localidades da zona sur do país, e asistirá á concentración cidadán prevista as 20.00 horas en Vigo.

Iniciativas ante a Comisión Europea

En paralelo, o Bloque trasladou hoxe mesmo a Comisión Europea a situación que vive Galiza pola vaga de incendios denunciando que a Xunta “desactivou” o dispositivo da loita contra os lumes ademais de precarizar o servizo.

“A falta de prevención pública, as actuais condiciones meteorolóxicas, o abandono do rural e a eucaliptización do territorio son causas desta traxedia que ten provocado mesmo vítimas mortais”, indica a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, na iniciativa.

Por iso, o BNG demanda da Comisión medidas extraordinarias de apoio así como activar o Mecanismo Europeo de Protección Civil para responder ás necesidades inmediatas desta catástrofe. Ademais, pide ao Executivo comunitario que esixa ao Goberno español o cumprimento da normativa de prevención e extinción de incendios.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG