BNG demanda ao Goberno do Estado a mellora do CAMF de Ferrol como un servizo básico e fundamental

CAMF Ferrol
CAMF Ferrol

Rego e Rivas visitan as instalacións do Centro de Atención a persoas con discapacidade física do Imserso na localidade ferrolá

O deputado do BNG comprométese a levar ao Ministerio as xustas reivindicacións de usuarios e Comité sobre a reforma integral das instalacións, así como a dotación de persoal e recursos

Iván Rivas defenderá no pleno municipal desta quinta feira unha moción que reclama o compromiso de todas as forzas políticas para atallar as demandas do CAMF

 

Madrid, 23 de maio de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro da organización nacionalista no Concello de Ferrol, Iván Rivas, visitan as instalacións do Centro residencial de persoas con grande dependencia do INSERSO de Ferrol e manteñen unha reunión coa representación sindical e con usuarios e usuarias do centro. A organización nacionalista comprométese a trasladar as demandas formuladas e solucionar os problemas do centro. Reclaman unha reforma estrutural das instalacións, dotación de persoal suficiente e os recursos necesarios para desenvolver todas as actividades e servizos que o centro ofrecía, considerándoo como un servizo básico e fundamental.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destaca a “necesidade imperiosa” de que o Goberno do Estado e, en concreto, o Ministerio de Dereitos Sociais “actúe de maneira inmediata” principalmente en tres ámbitos. “Por unha parte, na dotación do persoal que falta neste centro. Nun cadro de 157, hai 23 prazas que están sen cubrir. Entendemos que se teñen que buscar as fórmulas necesarias para cubrir de maneira definitiva e canto antes esas prazas”. De non facelo, alertou o deputado do BNG, estará repercutindo de maneira negativa no servizo que se está prestando aos usuarios e usuarias do centro.

“En segundo lugar, que se poida desenvolver unha actuación para a reforma integral do centro. A dirección informounos dalgunhas das obras mais é preciso garantir uns mínimos de calidade de vida que neste momento non existen no centro” destaca o deputado tras a reunión co comité de empresa e representantes dos usuarios do centro. “Todas as fiestras, toda a carpintería metálica que non cumpren coas condicións necesarias para garantir unha boa eficiencia enerxética e mesmo que non se pase frío no inverno ou exceso de calor durante o verán” exemplifica.

Así mesmo, co persoal necesario, Rego destacou a necesidade de posuír os recursos necesarios para poder recuperar e pór en marcha todas as actividades que se foron abandonando nos últimos anos. “O BNG comprometeuse a desenvolver diversas iniciativas en Madrid para coñecer as intencións do Goberno con este centro e mesmo unha Proposición Non de Lei para que todas as forzas políticas se poidan pronunciar sobre as necesidades de acometer estas actuacións” destaca o deputado.

Alén do máis, o deputado nacionalista comprométese a realizar todas as xestións necesarias coa Ministra e o Secretario de Estado para que reciban a representación do centro e “coñezan de primeira man cal é a situación”.

José María Pereira, Presidente do comité de empresa, denuncia unha vez máis a falta de persoal que vén atravesando nos últimos anos. “Atopámonos nun momento de inflexión en que o servizo que se presta ás persoas se está resentindo e comeza a haber queixas” explica Pereira. O Imserso, organismo dependente do Estado, é o encargado de dotar de suficiente persoal. “Queremos que non se teña que recorrer a asinar máis de 1.500 contratos ao ano como se viña facendo. Contratos temporais nunha situación de total precariedade” apunta.

Por outra banda, Conchi Fírvida, presidenta da Asociación de persoas usuarias do CAMF de Ferrol reivindicou a necesidade de levar a cabo as obras de adaptación das instalacións e sinalou o “abandono total por parte da Administración do Estado”. O centro- construído hai 30 anos- nunca foi actualizado e adaptado ás circunstancias actuais. Só pequenas reformas mais, por exemplo, tres do seis ascensores non funcionan.

Compromiso de todas as forzas políticas

O voceiro do BNG no Concello de Ferrol, Iván Rivas, reiterou o apoio da organización nacionalista coas xustas demandas por parte da representación sindical e a representación das usuarias e usuarios. Avanzou o rexistro dunha moción que se debaterá esta quinta feira no pleno municipal e que será defendida polo BNG “co obxecto de que todos os partidos políticos con representación municipal se comprometan á mellora, tanto das infraestruturas como a dotación necesaria de persoal que presta o servizo que aquí se desenvolve, e que ese compromiso se traduza nunha implicación no resto de administracións onde cada grupo político teña representación política”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG