Ana Pontón propón unha Lei de Igualdade Salarial e sancións ás empresas que discriminen ás mulleres

Lamenta a intervención de Feixóo “que deixa en evidencia o que lle importa combater a desigualdade, debería desculparse”, demandou

En dez anos na Xunta, aprobou cero medidas contra a brecha salarial mentres en paralelo o PP recortou en políticas de igualdade e conciliación

A portavoz nacional, Ana Pontón, ratificou o apoio do BNG á folga internacional de mulleres,  “claro que si”, e ademais aproveitou a sesión de control ao presidente da Xunta para explicar as propostas concretas da formación nacionalista en defensa da igualdade real das mulleres.

Elaborar desde o Parlamento unha Lei galega pola igualdade salarial, -que inclúa sancións a quen incumpra o principio de a igual traballo igual salario-, excluír da contratación pública ás empresas que discriminen ás mulleres, suprimir as subvencións  aos centros educativos que segregan por sexo e impulsar a creación dunha Valedora da Igualdade, similar a dos países nórdicos, para combater calquera tipo de discriminación contra as mulleres.

Propostas moi concretas que foron ignoradas polo presidente da Xunta, quen limitou a súa réplica á portavoz nacional a criticar a campaña do 8M do BNG e á descualificación da dirixente do Bloque, “nun ton que deixa en evidencia o que lle importa ao señor Feixóo combater a desigualdade das mulleres, un ton de debate polo que debería desculparse”, lamentou Pontón.

A deputada aludiu á pregunta retórica que se facía Feixóo ante o xornalista Jordi Évole,- “por que agora unha folga de mulleres?’”-, folga que o PP tildou de “elitista” e mesmo “machista”. “A resposta é clara: Porque sobran os motivos, porque nos da a gana e porque non temos que pedir permiso para defender os nosos dereitos”, proclamou.

Entre eses motivos, Pontón fixou fincapé na violencia machista e nas discriminacións laborais. “Cada día hai 15 denuncias por violencia de xénero, cada semana denunciase unha violación, cada ano 60 mulleres son asasinadas polo terrorismo machista. Pero hai máis, cobramos 4.513€ menos por facer o mesmo traballo, é dicir traballamos 40 días gratis, e no caso das galegas peor, porque temos salarios máis baixos que a media do estado. A conciliación é unha carreira de obstáculos para ás mulleres, moitas con dobres xornadas, no traballo e na casa, para que despois veña as ministras do PP pedindo folga á xaponesa”, alegou.

Ante esta realidade de desigualdade e discriminación, Pontón denunciou o magro balanzo de 30 anos de goberno do PP en Galiza, dez con Feixóo como presidente da Xunta.

“Incumprimento da Lei Igualdade e da Lei contra a violencia de xénero, cero medidas en dez anos contra a brecha salarial, por contra, -mesmo subvenciona empresas condenadas por discriminación salarial-, recortes nos fondos en políticas de igualdade e conciliación, e até as traballadoras da Xunta teñen que ir ao xulgado para poder exercer o seu dereito a conciliar”, denunciou Pontón, por contra, “o seu goberno aplaudiu e executou todas as políticas de recortes que afondaron nas desigualdades”.

É tempo de feminismo

E nesta suma de medidas contraria á igualdade real, o PP mesmo crítica a folga internacional de mulleres cun argumentario “carca e neomachista” e coa larga restra das máis diversas ocorrencias a cargo dun variado elenco de responsables políticos do PP, como a da rexedora popular de Mos convidando ás mulleres a levar aos fillos e fillas ao  seu posto de traballo en vez de facer folga, os convites á folga a xaponesa da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, ou as declaracións da ministra de Sanidade, Dolors Montserrat,  quen considera o feminismo como “unha etiqueta”.

Por contra, Pontón concluíu a súa intervención cunhas palabras da escritora e feminista Begoña Camaño: “É tempo de feminismo”.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG