PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón pide ao goberno que pense nas necesidades de Galiza e abandone as receitas de hai oito anos

Prioridades do BNG para os orzamentos do 2017
Prioridades do BNG para os orzamentos do 2017
Ana Pontón pide ao goberno que pense nas necesidades de Galiza e abandone as receitas de hai oito anos
  • A nacionalista reiterou que o BNG “segue coa man tendida. Feijóo  debe escoller, ou ben a man que une a todos e todas as galegas ou ir de ganchete de Ana Pastor e Rajoy”

A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón compareceu hoxe ante os medios de comunicación para anunciar as prioridades nacionalistas cara os orzamentos do 2017.A parlamentaria incidiu na necesidade de mudar de modelo e medidas que non permiten, ao seu entender, ofrecer “unha saída”. Neste sentido sinalou que existe un incremento no número de persoas que non chegan a fin de mes, “seis de cada dez persoas chegan con dificultade” ademais de  manterse  a precariedade laboral e  emigración xuvenil.

O BNG propón o Plan Retorna para que volva a xuventude emigrada

A nacionalista afirmou que dende o ano 2009 emigraron 207.000 persoas de Galiza entre os 16 e 35 anos, producíndose un pico  no 2015  con 30.000 persoas.

As promesas económicas de Feijóo acabaron sendo “un bluff”, e  da igual, dixo que falemos do coche eléctrico, das promesas de Pemex, do concurso eólico ou dos miles de postos de traballo que prometeu porque todo quedou en “auga de borralla”.

Dende o BNG propoñemos un Plan Retorna para a volta da xuventude emigrada destinando 90 M€ a   medidas de choque que  favorezan  a volta de  100.000 mozos e mozas emigradas.

Contra o desigualdades e deterioro dos servizos públicos

A deputada asegurou que ante a situación de desigualdade e deterioro dos servizos públicos cumpre un novo modelo para o seu rescate co fin de que  todos e todas teñamos acceso á sanidade,    educación e  dependencia priorizando ademais a loita contra a pobreza e apostar por un modelo sustentable que coide do noso medio ambiente.

Nesta liña apuntou algunhas das medias que o BNG propón no orzamentos do ano 2017 entre as que destacou: “ duplicar os orzamentos en I+d+i, con 260 M€ dirixidas á innovación na  transformación de actividades primarias, novas oportunidades nas ecotecnoloxías verdes e renovables así como en sectores estratéxicos como a automoción, téxtil ou naval.”

Pontón considerou necesario un plan de choque para rescatar os servizos públicos comezando polo Hospital Álvaro Cunqueiro e Vigo, reducir as listas de espera, suprimir o repagamento sanitarios e repoñer aos traballadores da sanidade eliminados nos últimos anos.

Para as políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero   Pontón propuxo o 1% do orzamento total da Xunta.

Un país moderno, engadiu debe contar cun modelo sustentable e para iso é preciso rematar co modelo de SOGAMA. Nós apostamos por plantas de compostaxe que poderían crear 1.500 postos de traballo directos  en Galiza, unha  aposta estratéxica polo saneamento das rías e un tren de cercanias.

Feijóo debe decidir coller a man dos galegos e galegas  ou ir de ganchete de Ana Pastor e Rajoy

A preguntas dos xornalistas sobre as declaracións de Feijóo e os compromisos nesta X Lexislatura, a portavoz do BNG criticou as promesas incumpridas do presidente da Xunta entre os que destacou o acordo para salvagardar as caixas de aforros para despois propiciar a súa venda e o gran acordo de país para contar cunha AP-9 galega e contra as abusivas peaxes. Feijóo aínda non dixo que vai facer por iso propoñemos un fronte común para rescatar aos galegos e galegas dunhas peaxes que son “unha estafa e un  imposto á circulación”.

Seguimos coa man tendida para acordos pero pregúntome se Feijóo  quere “coller a man que une aos galegos e galegas ou prefire ir de ganchete da Sra. Pastor e o Sr. Rajoy”.