Ana Pontón: ”A integración da FOGA no BNG fortalece a casa común do nacionalismo”

Ana Pontón e Segundo González
Ana Pontón e Segundo González
Ana Pontón: ”A integración da FOGA no BNG fortalece a casa común do nacionalismo”
  • Salienta que en vésperas dunha “asemblea transcendental” o Bloque contabilizou máis de 800 novos ingresos, o 40% con menos de 25 anos

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz nacional da Fronte Obreira Galega, Segundo González, asinaron en Vigo o protocolo de integración do FOGA no Bloque ao concordaren na necesidade de unidade de acción das forzas nacionalistas para avanzar cara unha Galiza soberana con organizacións propias.

“É un día importante, un día gratificante e de celebración porque sumamos máis persoas e máis pluralidade ao BNG, sumamos para redeseñar a casa común do nacionalismo convertendo ao Bloque nun proxecto máis forte neste tempo novo”, proclamou Pontón no acto de sinatura, no que agradeceu a todas as persoas do FOGA “o seu traballo, coherencia e lealdade ao servizo de Galiza”.

Esta integración ven precedida dunha colaboración previa ao longo dos últimos meses, como a participación na mesma candidatura nas pasadas eleccións xerais formando parte da lista NÓS-Candidatura Galega ao igual que nos últimos comicios galegos, onde se compartiu campaña, programa e lista electoral.

“Únenos os mesmos intereses na defensa do país e en fortalecer a alternativa do nacionalismo, por iso esta integración é un paso natural dun camiño que levamos tempo andando”, indicou Pontón, quen avanzou que non é a primeira nin será a última incorporación ao Bloque.

fogabngNeste sentido, salientou Pontón que, desde as eleccións galegas, máis de 800 persoas se incorporaron ao BNG,  320 como militantes e o resto como simpatizantes, dos que o 40% teñen menos de 25 anos, “moita xente nova que está ensanchando a base do Bloque é que nos da novos azos en vésperas dunha asemblea nacional transcendente para nós pero, é o digo con humildade, tamén para Galiza”.

Pola súa parte, o portavoz de FOGA, tras admitir a desilusión con ANOVA e con AGE dos que formou parte, botou man de Benedetti para asegurar que “o BNG é a nosa casa, e así vai ser” porque “na rúa, cóbado con cóbado, somos máis ca dous”.

O protocolo recolle unha serie de principios compartidos, como a defensa do dereito de autodeterminación e da soberanía do pobo galego, defensa dos dereitos sociais e económicos da clases populares, aposta pola igualdade de homes e mulleres, defensa dunha economía aos servizo do pobo que permita xerar riqueza e emprego e contar cos recursos suficientes para manter servizos públicos e sociais de calidade e universais.

Igualmente, inclúense nese relatorio de principios compartidos o pleno desenvolvemento da identidade nacional, lingüística e cultural, así como unha democracia real e participativa.