GALEGAS 2016

Ana Pontón: “O cambio real o 25S pasa por feminizar a política con feitos e non con palabras baleiras”

Acto público de Cambados
Acto público de Cambados
Ana Pontón: “O cambio real o 25S pasa por feminizar a política con feitos e non con palabras baleiras”
  • Salienta que o feito de que sexa a primeira candidata muller a Presidencia “é unha proba máis do moito que queda por facer”
  • “Por unha estou de acordo con Rivera: Ciudadanos é o plan B de Feijóo, pero o BNG é o plan A dos galegos e das galegas para derrotalo”

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, proclamou no mitin de Cambado que un cambio real a partir do 25S pasa por “feminizar a política con feitos e non con palabras ocas, das que estamos cansas de escoitar, slogans que non solucionan nin un só dos problemas de discriminación que sofren as mulleres neste país”.

O propio feito de que tras máis de trinta anos sexa a primeira vez que hai unha candidata á Presidencia da Xunta “é unha proba máis do moito que queda por facer en materia de igualdade”, alegou. Menos salario a igual traballo, obriga de asumir o rol de “coidadoras” a costa dos proxectos persoais e profesionais e, sobre todo, a lacra do terrorismo machista, constatan a discriminación.

“Temos que avanzar na igualdade se queremos construír unha Galiza inclusiva e de futuro”, dixo, e comprometeu un goberno implicado nesa dirección tras o 25S, “empezando pola derogación de todas as normas reaccionarias que se aprobaron polo Goberno de Feijóo, converter a igualdade na clave de bóveda doutra maneira de gobernar”.

Acto público de CambadosPontón ironizou sobre a estratexia do candidato popular de “eu ou o caos” á que agora engade a apelación ás persoas que confían no país. “O señor Feijóo que se pasou oito anos de submisión a Madrid, agora apela a Galiza, despois de estar oito anos facendo deixazación de funcións como presidente deste país, entregado ás ordes de Génova, e de ter a cara de anunciar que se marchará se lle asinan o finiquito nas urnas. Ese e o seu amor por Galiza”.

A candidata nacionalista tamén fixo referencia ás declaracións do líder de Ciudadanos, Albert Rivera, tras as súas advertencias de que disputaba escanos ao BNG. “Por unha vez vou estar de acordo con Rivera: o BNG vai ser a única garantía de que Ciudadanos non sexa a muleta do PP para garantir a súa maioría absoluta. Cds é o plan B de Feijóo, e o BNG é o plan A dos galegos e das galegas para derrotalo o 25S”.

Medidas en igualdade

En Cambados a candidata foi rotunda ao asegurar que o BNG desde o goberno galego non dará un euro a políticas que discriminen ás mulleres, con dous exemplos claros: no educativo e no laboral.

“Non imos adicar nin un só euro a políticas que discriminen as mulleres e, polo tanto, imos eliminar os concertos con eses colexios do Opus Dei que están segregando a nenos e nenas por sexo. E dicimos máis, non imos dar ningún contrato a ningunha empresa onde haxa discriminación coas mulleres, ni directas, nin indirectas, porque sabemos que no eido laboral hai moitas ocultas nas categorías salariais, na clasificación dos postos de traballo”.

Neste sentido, dixo, “desde as Administracións públicas, non ser cómplices na desigualdade que viven día a día as mulleres”, salientou no mitin que compartiu en Cambados co cabeza de lista e a número dous por Pontevedra, Luís Bará e Montse Prado.

Feminicidio

Con violencia cero como obxectivo, Pontón reclama xulgados específicos para atender ás vítimas, elaborar o estatuto de vítima de feminicidio, unha política activa que facilite a inserción laboral e maximizar todas as medidas de protección e amparo ás mulleres afectas por esta lacra social.

Entre as propostas do BNG, custe cero das cotas da SS para as traballadoras autónomas durante a maternidade, ampliar os permisos de paternidade e facelo obrigatorios para que supoña unha medida efectiva de conciliación familiar, e revisar os horarios comerciais co mesmo obxectivo.

Pola súa banda o candidato nacionalista pola provincia de Pontevedra instou aos veciños e veciñas de Cambados a dar o voto ao BNG garantindo que “ten visión de modernización e de progreso para Galiza, aposta polos sectores máis dinámicos e innovadores da nosa sociedade, polo talento, a innovación, a intelixencia e, sobre todo, ten valentía para levar as súas ideas adiante pese a quen lle pese... Guste en Madrid ou non”. 

Bará puxo sobre a mesa o traballo feito polo BNG en servizo de Galiza: “O BNG ten proxecto de futuro para o país, ideas claras, experiencia e saber facer. Non chega con ter claro o que se quere, hai que saber facelo, e así o demostramos nós traballando e levando adiante o modelo urbano Pontevedra, que está a recibir premios por todo o mundo, ou outras moitas iniciativas. Temos demostrado boa xestión nos gobernos locais como o de Poio, o de Bueu, Tomiño… por todo o país, ademais de na Deputación ou no goberno da Xunta no seu momento”, dixo.