Galegas 2016

Ana Pontón: “O BNG está disputando escanos ao PP e Ciudadanos que son a chave para derrotar a Feijóo”

Acto público de Pontevedra
Acto público de Pontevedra
  • Acusa a Feijóo de laiarse polos millóns de votos que perderon pola corrupción, “pero non dos que roubaron os seus amigos aos que premiaron cunha amnistía fiscal”
  • “Somos os únicos que propoñemos un sistema fiscal no que empresas como Citroën ou Inditex pagarían os seus impostos en Galiza”, asegura

No escenario da Praza do Teucro a candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, presumiu do exemplo de cambio transformador que supón Pontevedra onde un goberno nacionalista converteu unha cidade decadente nun referente internacional de calidade de vida.

“Esa é a receita para darlle o finiquito político a Feijóo o 25S, facer algo tan revolucionario como confiar nas nosas propias forzas como fixo Pontevedra fai dúas décadas, decidir desde nós como construír unha Galiza na que vivir e traballar con dignidade”.

Na recta final de campaña a candidata dirixiu a súa mensaxe ás persoas que aínda non teñen decidido o seu voto, pero que apostan por abrir un tempo novo: “Dicirlles que o BNG é a chave da derrota do PP porque estamos disputándolle escanos ao PP e a Ciudadanos en todas as provincias, e eses escanos son claves para quitarlle a maioría absoluta a Feijóo e pasar a páxina escura que escribiu o candidato popular estes sete anos”, alegou.

Pontón fixo referencia ao empeño de Feijóo en presentarse como vítima da corrupción do PP, cando é cómplice necesario.

Acto público de Pontevedra“Escoitámolo laiarse nos medios dos tres millóns de votos que perderon por culpa da corrupción, é máis que van perder! Pero o que resulta lamentable é ver que son os únicos millóns que lle importan, pero non os que roubaron os seus amigos premiados coa amnistía fiscal, nin os millóns adicados a liquidar as caixas, nin os que foron á privatización do hospital de Vigo”.

A candidata nacionalista interpelou a Feijóo para que explique “por que non abriu a boca mentres saqueaban as arcas públicas ao tempo que baixaba o salario aos traballadores públicos ou aplicaba recortes nos servizos básicos. Parece que cando se trata dos millóns roubados pola corrupción non computan no sagrado obxectivo do déficit nin ao candidato nin ao ministro de Economía”, ironizou.

Neste sentido, Pontón insistiu na necesidade de que Galiza “lle quite a chave dos cartos a Montoro” para marcar desde aquí as prioridades de gasto e investimento. Para iso, o Bloque aposta por unha facenda galega para ter o control normativo e de xestión da totalidade dos impostos.

“Dese logo, non íamos aprobar amnistías fiscais, senón facer cambios lexislativos para que as empresas que teñen aquí os seus centros de produción, como Citroën ou Inditex, tributen en Galiza e non en Madrid”.

A candidata recalcou que só o BNG leva esta proposta de goberno no seu programa, pese a que supón millóns de euros adicionais para poder financiar políticas activas de emprego, blindar os servizos públicos e actuar nos casos de emerxencia social, argumentou no mitin en Pontevedra ao lado do cabeza de lista, Luís Bará, e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Contra a precariedade

Pontón apostou, como fixera pola maña no acto con traballadores de Citroën, por utilizar rentabilizar eses recursos tamén para apoioar os sectores produtivos para xerar emprego digno, porque a precariedade laboral “non nos leva máis que a sociedade empobrecida”. O BNG defende “que todas as persoas menores de 25 anos reciban unha oferta de emprego, formación continúa ou prácticas nos primeiros catro meses tras quedar no desemprego”.

Comprometeuse a “non financiar a precariedade” polo que a Administración pública, dixo, debe “rescindir os contratos da Xunta coas empresas que non cumpran coa igualdade salarial e incluír nos pregos de contratación garantías laborais e límites a subcontratacións e empresas de traballo temporal”. Ademais, impulsar a derogación das contrarreformas laborais de PP e PSOE, e ir a unha recuperación paulatina dos dereitos “arrebatados” aos traballadoras e traballadores.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG