Ana Pontón advirte ao PP que as mobilizacións pola subida das pensións “irán a máis se non toman nota”

Ana Pontón
Ana Pontón

O BNG propón a Xunta destinar 40M€ dun orzamento de 9.000 para subir as prestacións máis baixas para aliviar a situación de 40.000 galeg@s

“A ministra de Traballo critica as manifestacións d@s pensionistas pero sae a rúa para facer carroñerismo político coa dor das vítimas”, denuncia

A portavoz nacional, Ana Pontón, espera que os gobernos do PP en Galiza e no Estado “tomen nota” das manifestacións que volveron encher as rúas para reclamar pensións dignas e advertiu que esas mobilizacións “irán a máis” se o PP “non rectifica”.

“É importante saber se os gobernos de Raxoi e Feixóo tomaron nota das manifestacións das persoas pensionistas que están dicindo que están fartas de non chegar a fin de mes, de que se lles tome o pelo, fartas dese mísero 0,25%, fartas de ser o sostén de milleiros de familias durante a crise e que están fartas de soportar a prepotencia e o desprezo do PP”, salientou Pontón.

Mostra deste desprezo é ver precisamente a ministra de Traballo “como unha das máis críticas coas mobilizacións dos pensionistas un día para o seguinte ser ela quen se suma á manifestacións para facer carroñerismo político coa dor das vítimas”, criticou en relación a presenza de Fátima Báñez nas concentracións a favor da prisión permanente revisable. Igual que considera unha “burla” a reiterada apelación do Executivo de Raxoi ao aforro a traballadores e traballadoras con salarios que non permiten chegar a fin de mes.

Pontón instou ao presidente da Xunta a demostrar que está disposto a rectificar apoiando a proposta de subida das pensións que o BNG elevou ao Parlamento. En concreto, unha medida que depende exclusivamente da “vontade política” do xefe do Executivo que consiste en destinar 40M€ para subir en 100€/mes as pensións non contributivas cuxo importe é de 377€/mes.

“Non é a solución pero sería un alivio para 40.000 galegas e galegos cuxos ingresos os sitúa por debaixo do umbral da pobreza, unha medida perfectamente executable  porque o seu custe é de 40 millóns de euros dun orzamento de 9.000 millóns, polo que se trata dunha decisión política non económica e sería unha mensaxe clara desde Galiza ás demandas das persoas pensionistas”, recalcou Pontón, quen tamén lembrou que cada ano quedan centos de millóns dos presupostos sen executar.

A iniciativa que o BNG defende no pleno desta semana tamén inclúe subidas para as prestacións cando menos o equivalente ao IPC, máxime neste país que ten as segundas pensións máis baixas do Estado e tendo en conta que lonxe de reducirse medrou o diferencial coa media estatal desde 2009 e, a día de hoxe, unha pensionista galega recibe 179€ menos ao mes que a media. Tamén propón recuperar a idade de xubilación aos 65 anos e establecer a pensión mínima no SMI.

A formación nacionalista considera prioritario derrogar as contrarreformas laborais do PP e do PSOE “que debilitaron o sistema público de pensións xa que baixos salarios e sinónimo de baixas pensións”. “É preciso atacar a precariedade laboral e recuperar poder adquisitivo”, recalcou Pontón, convencida de que “hai riqueza suficiente para manter o sistema público de pensións partindo da base de que debe ser unha prioridade política e tendo en conta que o gasto en pensións en España é do 10,7% por debaixo 12,2% do PIB que destinan na eurozona”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG