Vence: "Os orzamentos prolongan a crise, non crean emprego e castigan a asalariados e pensionistas"

“Os orzamentos de 2014 prolongan a crise e o estancamento e están deseñados para beneficiar a banca, ás compañías eléctricas e ás grandes construtoras a costa do emprego, dos asalariados e dos pensionistas”.

A valoración do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, deixa claro que as contas públicas do Estado non abordan nin a saída da crise, nin crearán un só posto de traballo, ao contrario, “recoñecen que continúa a destrución de emprego e que a taxa de paro seguirá no 26%”, pese a tratarse do primeiro problema do país.

Vence salientou os aspectos máis regresivos e antisociais dunhas contas que “finiquitan as axudas á dependencia, mentres impoñen o copago farmacéutico aos enfermos crónicos”, unha contas que recollen “un incremento da factura da luz ás familias, ao tempo que aportan 4.150 millóns de euros para os oligopolios eléctricos”, unhas contas que “aumentan os impostos regresivos para as familias, pero non tocan ás grandes fortunas, nin ás rendas financeiras especulativas”.

O portavoz nacionalista denunciou que o Executivo mantén as mesmas políticas que provocan un enorme sufrimento social: “O futuro se constrúe mellorando o presente, non é sacrificando o presente como se mellora o futuro”, salientou Vence quen, ademais, chamou a atención no feito de que pese a “esprimir” á cidadanía ata “empobrecela” o Goberno do PP presenta unhas cifras “arrepiantes” de débeda pública, “20 puntos superior ao que había e a máis alta en anos”.

En relación ao orzamento territorializado en Galiza, o portavoz nacional salientou dous aspectos. A caída nun 27% dos recursos que chegan desde o Fondo de Compensación Interterritorial e, por outro lado, “se repite o truco de anos anteriores que consiste en inflar de xeito ficticio a partida de infraestruturas prevista por Fomento, en particular do AVE que despois queda sen executar, como ocurreu en 2013 co  40% do orzamento previsto”. “Unha vez máis se volve a asignar recursos que non se gastaron en anos anteriores como se fose investimento novo, nun apaño ficticio que se repite cada ano”, denunciou Vence.

O BNG, como explicou a deputada no Congreso, Rosana Pérez, xa anuncia que presentará unha emenda á totalidade aos orzamentos do Estado e emendas parciais para mellorar as contas para Galiza, ademais de solicitar numerosas comparecencias de altos cargos, en particular dos Ministerios de Fomento,Industria e de Agricultura, pola especial relevancia para o noso país.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG