Orzamentos de Feijoo: perpetúan desigualdades e recortes e desmenten a propaganda da rexeneración

VENCE ROLDA PRENSA 2O BNG presenta sendas emendas á totalidade tanto ao proxecto de lei de orzamentos 2015 como a lei de medidas fiscais e financeiras por considerar que as contas públicas do próximo ano afondan nos recortes e na desigualdade social e a lei de acompañamento é un coadoiro de reformas lexislativas que desmente o discurso do PP da rexeneración democrática.

“Continúan a política de recortes que aplica Feijóo desde 2009, non serven para reactivar á economía, non crean emprego e degradan os servizos públicos como a sanidade ou a educación”, denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen avanzou que só servirán para “prolongar a crise e a destrución de emprego, sobre todo nun contexto no que volve asomar a recesión”.

Ademais, as contas de 2015 levan consigo unha lei de acompañamento que Vence cualificou de “caixón de xastre” do PP utiliza para modificar “con escurantismo e pola parte de atrás” ducias de leis.

A modo de exemplo, facilita os requisitos dos proxectos de megaminería, flexibiliza os requisitos para a implantación de grandes superficies comerciais en contra do pequeno comercio, ou permiten “facerlle un agasallo” a empresas privadas como Copasa asumindo a inacabada Autovía da Costa da Morte sen penalizacións.

“Como pode Feijóo e o PP falar de rexeneración democrática e persistir nesta forma escurantista de lexislar que só serve para atender intereses inconfesables de lobbies ou poderes amigos do Partido Popular?” , denunciou Vence.

Como ingresar máis

Os orzamentos de 2015 tamén constatan que o modelo de financiamento actual está “esgotado” e resulta discriminatorio para Galiza, que segue a recibir menos do que lle corresponde afondando nunha balanza fiscal negativa. As cifras plasmadas no proxecto enviado a Cámara non son realistas e o Bloque formula catro propostas concretas para aumentar os ingresos públicos.

Incrementar o IRPF ás rendas superiores a 100.000 euros, aumentar o imposto sobre o patrimonio para as grandes fortunas cunha escala de tramos, crear unha taxa ás grandes superficies que permita frear este modelo que “machaca” o comercio local e compensar pola “drenaxe” de recursos que, a través do consumo dos galegos e galegas, vai parar aos lugares onde están as sedes desas grandes multinacionais da distribución.

Por último, aplicar un imposto aos depósitos bancarios, para aumentar os ingresos públicos a través das rendas financeiras.

“Un modelo alternativo no que as rendas altas, os grandes patrimonios e a banca aporten máis ás arcas públicas”, concluíu Vence, avanzando que estás serán propostas que defenderá o BNG no Parlamento durante o debate dos orzamentos e da lei de acompañamento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG