Ana Pontón: “os dereitos das persoas e dos pobos teñen que estar por riba do control xeoestratéxico

O BNG instala un simbólico campamento no centro da Coruña como protesta pola xestión da crise do@s refuxiad@s, que se suma á retirada da bandeira da UE

CAMPAMENTO SIMBOLICO PROTESTA CRISE REFUXIADOS3“Este é un campamento simbólico de protesta ante o trato inhumano que están recibindo miles de persoas refuxiadas, pero imaxinemos o que pode ser un campamento enlamado, no que se pasa frío e fame, e sen as mínimas condicións de dignidade para a vida humana”, explicaba a portavoz nacional, Ana Pontón, na coruñesa Praza da Fariña nun acto de denuncia da verdadeira causa da crise dos refuxiados: a política imperialista de EEUU e a UE que provoca guerras e esnaquiza estados.

“Sentimos vergoña desta Europa que pecha fronteiras ante un drama humanitario que contribuíu a xerar, unha Europa a que non lle importa que haxa miles de persoas morrendo as súas portas, que está a negociar un acordo indigno con Turquía repetindo erros do pasado”, denunciaba a deputada nacionalista.

O Bloque reclama unha solución urxente a esta crise humanitaria pero tamén demanda un cambio radical na política internacional. “Hai que reformular toda a política internacional, porque detrás deste drama está unha política imperialista practicada tanto polos EEUU como polos países centrais da UE, e temos a obriga de reclamar unha nova orde internacional baseada no respecto polos dereitos dos pobos a vivir en paz”, argumentou Pontón.

A portavoz nacional insistiu en que o Bloque vai seguir do lado “do dereito das persoas, da dignidade, da igualdade e de que non se alimente unha política xenófoba e racista que estamos vemos se estende por unha parte de Europa”, advertiu.

As institucións europeas non só están incumprindo a legalidade senón que “están agravando a crise”, subliñou. “Precisamos unha orde internacional onde os dereitos das persoas e dos pobos a vivir en paz primen sobre os intereses do control xeoestratéxico das potencias sobre o gas ou o petróleo”, recalcou Pontón.

Ducias de militantes e simpatizantes sumáronse a este simulacro de campamento de refuxiados no corazón da Coruña, como novo acto de protesta do BNG despois de que a formación nacionalista lanzara a proposta de arriar ou retirar a bandeira da UE das institucións como medida de repulsa e protesta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG