Opinión

Feijoo, militante de Galiza? O exemplo da AP-9

ap9
ap9

A estas alturas ninguén é capaz de negar que Galiza apareceu politicamente con perfil propio no Congreso após as eleccións de 1996, nas que o nacionalismo galego obtivera representación por primeira vez dende a II República. Durante 20 anos, os partidos políticos con dependencia estatal tiveron que se posicionar sobre asuntos que comprometen o noso futuro como país. E nese período vimos, abraiados, que discurso e voto dos deputados galegos adscritos aos partidos estatais foi, en moitas ocasións, contrario ao das súas organizacións na Galiza. Non estou laiándome de que votasen dun xeito en Santiago e doutro en Madrid ás propostas do BNG. Moito peor, votaron e seguen a votar contra decisións unánimes do Parlamento galego. Dende aquela iniciativa do BNG instando a que o Goberno do Estado asumira o acordo do Parlamento galego de 1995 solicitando a conclusión das autovías en 1998, ata a derradeira iniciativa do BNG instando á transferencia da AP-9, aprobada por toda a Cámara galega. Neses 20 anos, contamos por ducias as veces nas que as carautas se cambiaban sen pudor en función da cor das bancadas onde se sentaran uns ou outros en cada momento, menosprezando os acordos unánimes da representación política de Galiza.

Nin sequera o Goberno Fraga aquí nin o de Aznar en Madrid foron quen de chegar ao límite da desvergoña actual de Rajoy -vetando sen escrúpulos o debate no Congreso dunha lei galega- nin ao límite dun Feijoo que non só carece de peso político, senón que permite que o ministro De la Serna veña aquí a facer gala do menosprezo do Goberno central ás demandas unánimes dos galegos e galegas. O presidente da Xunta presentouse ás últimas eleccións como «militante de Galicia», idea propagandística central tamén no seu discurso de investidura. Vexamos: a súa preocupación reside na conexión de Galiza con Madrid, non na mellora das vías galegas, xa que a día de hoxe non existe alternativa libre de peaxe, segura e factíbel á AP-9.

Era conselleiro de Política Territorial cando Aznar e o seu vicepresidente Rajoy privatizaron Audasa, momento no que as peaxes comezaron a subir e a calidade dos servizos a baixar. A rendibilidade da AP-9 quedou máis que demostrada despois de que se construíra con cartos públicos, se malvendera despois a Sacyr e esta a Citigroup por un prezo sete veces superior ao que a comprara. Unha vez feita caixa, vólvese vender a outro fondo especulador de EE.UU.

A rendibilidade para os compradores foi un insulto para os usuarios e usuarias no momento máis duro da crise e, entre o 2003 e o 2011, os seus beneficios superaron os 463 millóns de euros grazas a unha suba do 57 % das peaxes e de reducir en prevención, seguridade, mantemento e servizos.

Feijoo e o PP son militantes da defensa do privado fronte ao público, de tomar decisións en contra da realidade e das competencias das nacións do Estado, de resolver os problemas das multinacionais amigas e non os das persoas, como volve quedar claro co rescate das autoestradas madrileñas, que tamén pagaremos os galegos. Feijoo é militante do que se decide en Madrid, de xogar un papel político contrario aos dereitos do noso país e de negarse a reclamar as escasas competencias que prevé o noso Estatuto. E por iso acredito, máis ca nunca, nun tempo novo, na alternativa que o BNG representa como un camiño certo de ter representación real e propia para defender os lexítimos intereses dos galegos e galegas.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 28/12/2016.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG