Opinión

Asolagadas pola enerxía

Galiza exporta por volta do 30% da enerxía que produce. Así se desprende dos datos achegados por Red Eléctrica Española no último exercicio pechado correspondente ao ano 2016. Actualmente, xunto coa eólica, a enerxía hidráulica representa por volta do 65% de toda a que se produce no noso país.

Galiza é produtora e exportadora de enerxía e aínda así paga unha das facturas da luz máis caras de Europa. Somos unha potencia produtora de electricidade mais non o somos por decisión propia. A práctica totalidade dos encoros do noso país construíronse durante a ditadura fascista. Saben ben diso en Portomarín. As pedras coas que se construíu a igrexa da vila, e que aínda a sosteñen, levan pintado cadanseu número. Foi a maneira en que a poboación local puido reconstruíla cando tiveron que deixar as súas casas para que en 1963 o réxime creara o encoro de Belesar. Máis de 540 hectómetros cúbicos de auga embalsada en case 2.000 hectáreas de superficie.

Franco non ideou só Belesar, detrás del estaba o conde e presidente de Fenosa, Pedro Barrié de la Maza, que tanto fixo polo ditador no espolio do Pazo de Meirás, mais esa é outra historia. Ou quizais non porque da súa estreita relación co fascismo foi como fixo fortuna Barrié.

Ese mesmo encoro é o que garda baixo a auga outra xoia patrimonial, o Castro Candaz. Perto de Portomarín, en Loio, a seca aínda deixa ver algún verán os nichos do antigo cemiterio. Mais Portomarín non é o único lugar que asolagaron. A aldea da Barcela, no Concello de Negueira de Muñiz, tamén foi somerxida polo encoro de Grandas. Algunhas das terras máis fértiles do noso país ficaron anegadas polo encoro en Castrelo de Miño. A mámoa de Orbellido, na parroquia de Baíñas, en Vimianzo, tamén desapareceu baixo a auga do encoro de Fervenza.

Detrás de cada megavatio de enerxía hidráulica producido no noso país hai ducias, centos de historias que falan dos custes económicos, sociais e ambientais que soportou, e aínda soporta, este país. Un documentario, Asolagados, e un libro, Belesar, o orgullo de España, puxeron nomes e apelidos a algunhas delas.

Galiza exporta por volta do 30% da enerxía que produce. Somos unha potencia produtora de electricidade mais aínda hai centros de traballo, explotacións gandeiras e milleiros de persoas pendentes do prezo dunha enerxía que lonxe de reverter en beneficio do país continúa a ser un negocio inmensamente lucrativo para un pequeno feixe de empresas foráneas. Alén diso, tanto ten que produzas de máis ou de menos, porque a fin de mes pagar, pagas o mesmo. Hai quen ve nisto un paradoxo mais en realidade é cuestión de poder político.

 

Artigo publicado en Luzes o 24 de outubro de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG