Opinión

Terra minada

Mina NON
Mina NON

Galiza sofre un modelo económico de explotación e espolio dos seus recursos naturais, de extracción de materias primas que son abondosas na nosa Terra e que son obxecto da cobiza de empresas foráneas. É unha das consecuencias da dependencia política, da falta de capacidade de decisión en temas de interese estratéxico, e da ausencia dun goberno galego digno de tal nome. Porque a administración Feixóo actúa como unha terminal do goberno do Estado e da UE, e como unha xestoría dos intereses alleos, un cabalo de Troia ao servizo da venda do país e dos seus recursos ao mellor postor.

Este esquema da dependencia explica a demolición e expropiación do sistema financeiro autóctono, o trasvase a outras áreas do Estado de miles de millóns do aforro galego, os máis de mil millóns do Imposto de Sociedades que pagan en Madrid grandes empresas que operan en Galiza, o macronegocio da AP-9, o espolio dos nosos prezados recursos enerxéticos, forestais ou mineiros.
Galiza cumpre pois un papel subsidiario na economía rexional e mundial como subministradora de materias primas. Actividades extractivas con elevado custo ambiental, con elevados impactos no territorio, con escasa xeración de postos de traballo e con elevados beneficios que non fican aquí. 

A megaminaría, as macroexplotacións a ceo aberto, son a nova panacea de grandes grupos transnacionais que cobizan minerais que hoxe en día teñen alto valor no mercado como o cobre, o wolframio, o níquel, o litio ou as terras raras. Minaría low cost, que move grandes cantidades de terra, crea afeccións a territorios extensos, consume grandes cantidades de auga e xera residuos potencialmente contaminantes e perigosos. E por se isto fose pouco, trátase de proxectos de grandes empresas estranxeiras que se rexen pola lei do máximo beneficio e o mínimo custo.

Precisamente para achandarlles o terreo, a Xunta aprobou unha norma a medida, bautizada cun nome cheo de suxestións: lei de implantación de iniciativas empresariais. En realidade, unha Lei de depredación do territorio e dos recursos autóctonos, pensada para saltar as competencias municipais, o interese xeral e as garantías ambientais.

A megamina de Touro-O Pino, con afección a máis de 700 hectáreas e un período de explotación que vai até o ano 2034 é o símbolo por excelencia dun modelo depredador, xestionado por unha empresa transnacional (Atalaya Mining) que arrasa o territorio e causa un forte impacto na contorna: nos cursos de auga, na calidade de vida e no sustento de centos de familias que viven das actividades agrarias e gandeiras. E por se isto fose pouco, a macroexplotación mineira xeraría centos de toneladas de lodos almacenados nunhas balsa cun muro de contención de 80 metros de altura. Unha auténtica bomba de reloxaría que en caso de accidente acabaría no río Ulla e destruiría grande parte da riqueza da ría de Arousa, no que sería unha auténtica ruína para o sector pesqueiro e marisqueiro da zona.

Por iso o domingo10 de xuño a praza do Obradoiro de Compostela ten que ser de novo un clamor en defensa da dignidade de Galiza e do aproveitamento racional dos recursos e do territorio. Contra unha terra minada e un goberno galego que serve a amos de fóra. Por un rural vivo e con futuro e por unha ría que queremos rexenerada e produtiva.

 

Artigo publicado en Sermos Galiza o 6 de xuño de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG