Feminización da política

Feminización da política

A política constrúe moitas veces falsos consensos, apariencias de acordos sobre os que semella haber coincidencias e asentimento case xeral. Nos últimos tempos, as chamadas “políticas de xénero” son escenario de supostas convencións que se expresan a través de minutos de silencio, declaracións institucionais e mesmo pactos de Estado. Son tentativas desesperadas de diluír as demandas imparábeis do feminismo, de domesticar unha revolución que xa é imparábel e que vai mudar o mundo nas próximas décadas. 

O falso consenso tende trampas nos discursos e na linguaxe, crea a miraxe dunha igualdade que non é real, porque non pode haber igualdade cando o machismo e o patriarcado campan nos discursos, no exercicio do poder, na práctica da violencia familiar, social e institucional, na discriminación salarial, no reparto discriminatorio do tempo, das responsabilidades e da riqueza.
Porque tamén a suposta conquista da igualdade é un mito, outra trampa que hai que combater. Non é unha batalla pola igualdade, por un igualitarismo formal, é un combate pola xustiza e pola equidade. E nesa loita é inevitábel asumir que ten que haber unha mudanza radical no sistema económico, nos códigos sociais, nas prácticas culturais, no exercicio do poder e no recoñecemento por parte dos homes que temos a obriga de abandonar a zona de confort que nos proporciona moitas vantaxes.

Nesta revolución social, cultural e política non é menor avance o da presenza paritaria ou maioritaria de mulleres en postos de responsabilidade institucional, política ou económica. Mulleres ao mando de organizacións políticas, sindicais, empresarais, de institucións gubernativas, lexislativas e xudiciais. 

É importante que as mulleres asuman estas responsabilidades mais non abonda con iso. O determinante é que o fagan desde postulados feministas, transformadores, que denuncien e combatan decididamente os prexuízos, as discriminacións, as violencias e as inxustizas que están comodamente instaladas en todos os ámbitos da sociedade e do poder.