Desatar o atado

Desatar o atado
Ocupación simbólica do Pazo de Meirás
Ocupación simbólica do Pazo de Meirás

Este ano cúmprense 80 anos dun dos maiores espolios ao pobo galego, o da entrega do pazo de Meirás como botín de guerra ao ditador Francisco Franco. O complexo procedemento para se facer coa propiedade foi ideado polas elites coruñesas que, desta maneira, pretendían gañar os favores do Caudillo. E nesa suposta doazón houbo saqueo e extorsión da poboación, recadacións obrigatorias e achegas institucionais que tiveron continuidade ao longo de décadas de traballos de mantemento, mellora e ampliación das torres de Meirás. Aos Franco non lles valía un suposto agasallo en calidade de xefe do Estado do lugar que foi residencia oficial de verán do ditador e onde se realizaron consellos de ministros e numerosos actos institucionais do réxime. Querían deixar todo atado e ben atado para manteren a propiedade transcorrido o tempo. De aí que se dera o salto do pergamiño de doazón de 1938 a un contrato de compra/venda en 1941 e que, premeditadamente, non se desligase o papel de residencia oficial do xefe do estado do de residencia particular dos Franco.

Despois do intento da Fundación Franco de converter o pazo de Meirás nun templo de peregrinación do franquismo e da constitución desde a Deputación da Coruña da Xunta Pro Devolución do Pazo, en que se integran máis de 40 concellos e outras tantas entidades cívicas e colectivos a prol da recuperación da memoria histórica, o anuncio da posta en venda do Pazo por parte da familia Franco, após a morte da filla do ditador, só pode entenderse polo seu nerviosismo ao seren conscientes dos pasos firmes que estamos a dar para que Meirás sexa patrimonio público. Ese obxectivo está hoxe, coas liñas que abre o informe xurídico que encargou a Deputación da Coruña, moito máis próximo que hai uns meses e temos a certeza que a colaboración de todas as administracións será fundamental para o conseguir.

Andamos, pois, este camiño porque temos a obriga de restituír a dignidade e de lembrar as vítimas do período máis tráxico da nosa historia recente. Facémolo tamén porque temos que rematar con ese pacto de silencio que supuxo a transición, incapaz de levantar as lousas de invisibilidade e de desvendar os privilexios e abusos das elites ao longo dos anos.

Oitenta anos é moito tempo, e por iso é xa hora de desatar o atado. Ese é o nó que estamos a desfacer, de mans dadas co tecido social e con representantes institucionais que queren converter o clamor social contra un espolio, hoxe rigorosamente estudado, nunha actuación firme e decidida que nos devolva o roubado e poña fin a tanta impunidade e desmemoria. Por xustiza. Por hixiene democrática.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia (26-02-2018)