O BNG, con Galiza

O BNG, con Galiza
Camión AP-9
Camión AP-9

A coherencia é un valor na vida e tamén en política. Como fiarse de alguén que, como catavento, defende unha proposta e a súa contraria en función do que mellor lle conveña aos seus intereses particulares ou, trasladado ao ámbito político, aos intereses do seu partido?

Isto sucede a respecto dos Orzamentos do Estado coas delegacións galegas de PP e PSOE que defenden ou condenan as contas en función de quen se sente na Moncloa, de tal xeito que unha mesma cifra pode ser un recortazo intolerable ou un exemplo de compromiso con Galiza. Todo depende de se é Montoro ou Montero quen a presenta.

E nun intento de xustificar tal intercambio de papeis vemos como arremeten, en curiosa sintonía, contra o BNG por actuar precisamente con coherencia e defender os intereses dos galegos e das galegas, antes e agora. Esa é a diferenza entre ter voz propia e libre para reclamar o que é xusto para Galiza ou ser meras correas de transmisión pulsando o botón que ordenan Casado e Sánchez.

Non importa o que recolla o documento de Orzamentos, os deputados galegos do PP votarán en contra. Non importa o que recolla o documento de Orzamentos, os deputados galegos do PSOE votarán a favor, facéndolle a onda a unhas contas con menos investimento que o previsto por Rajoy para Galiza no seu último mandato. O que antes lles parecía «raquítico», hoxe, con 104 millóns de euros menos, é un maná. Está é lóxica dunha votación anunciada cuxo único fin é servir a intereses partidistas.

Por contra, o obxectivo do BNG é usar a súa forza a favor deste país, conseguir máis investimentos, un trato digno nas contas estatais, lograr que Galiza reciba o que lle corresponde nun momento de crise económica e social. E claro que somos conscientes do noso peso político, pero demostramos que un deputado coas mans libres é máis útil para Galiza que 23 atados de pés a cabeza!

Ese empeño xa deu froitos, por moito que se alporicen os mesmos que nada conseguiron: unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9 con beneficio directo para as 20.000 persoas que cada día usan esta autoestrada, un paso importante pero insuficiente para apoiar uns orzamentos que supoñen un agravio.

Porque si, o Goberno presume de contas sociais e expansivas, pero en todo caso son igual de sociais e expansivas en Andalucía, Cataluña ou Valencia, territorios nos que o investimento medra entre o 45 e o 57 %, mentres que a Galiza se lle aplica un recorte do 11,2 %. Comunidades, por certo, ás que o AVE chegou fai anos, décadas incluso.

E si, o BNG vai seguir pelexando na tramitación dos Orzamentos por lograr máis recursos. Temos toda a disposición a negociar co Goberno do Estado, pero o noso voto favorable pasa porque Galiza reciba un mínimo de 1.000 millóns de euros en investimentos directos. Porque estamos onde sempre estivemos: na defensa dos intereses dos galegos e das galegas, péselle a quen lle pese.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia, o 18 de novembro de 2020.

O BNG, con Galiza