Logro histórico para Galiza

«unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9 da que se van beneficiar 20.000 persoas que cada día usan esa autoestrada»
Logro histórico para Galiza
Acto AP-9
Acto AP-9

O BNG ten no seu ADN a defensa de Galiza, mellorar a vida dos galegos e das galegas a través da acción política, marcar a diferenza a favor da xente deste país, e nos orzamentos do Estado para 2021 esa diferenza ten unha cifra: 50 millóns de euros para unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9 da que se van beneficiar 20.000 persoas que cada día usan esa autoestrada.

Unha redución sen precedentes que é posible grazas ao acordo de investidura asinado co PSOE. Sen el, a AP-9 volvería subir puntualmente en xaneiro como leva facendo desde hai décadas cos sucesivos gobernos do PP e do PSOE, o que demostra a utilidade de ter voz propia ante o Estado: un deputado coas mans libres como Néstor Rego logrou máis que Feijoo en once anos de goberno, cunha posición que pasou do entreguismo á confrontación estéril. E así nin se avanza, nin se resolven os problemas, nin se constrúe futuro.

O acordo tamén inclúe a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, que beneficia a unha área metropolitana de 400.000 habitantes. Evidentemente, non nos conformamos, porque o noso obxectivo é unha AP-9 de xestión galega e libre de peaxes, pero este logro histórico do BNG é un paso importante nesa dirección e aliviará os petos de miles de persoas, con especial incidencia no sector do transporte.

Non nos conformamos, insisto, porque o punto final será conseguir a gratuidade desta arteria estratéxica como o son outras construídas na mesma época. Pero temos que agradecerlle ao partido do señor Feijoo que de tres autoestradas que ten o Estado coa concesión máxima de 75 anos, dúas estean en Galiza. E resulta irónico ver ao tándem PP-PSOE que tras décadas alternándose en aprobar subida tras subida, até converter a AP-9 nun artigo de luxo, agora pretendan poñerlle tachas ao logro do BNG ou facelo pasar por propio.

Os orzamentos estatais inclúen tamén recursos para outras cuestións significativas recollidas no acordo de investidura, pero con todo pensamos que Galiza merece máis e imos traballar durante a tramitación das contas públicas para conseguilo, con firmeza, sen subordinacións nin a Génova nin a Ferraz.

Temos moi presente os recortazos do bipartidismo estatal e non imos permitir que Galiza sexa discriminada nuns orzamentos que incorporan máis recursos que nunca, nin imos considerar como sociais nada que supoña unha discriminación. Tampouco nos vale a escusa de que as obras do AVE están na recta final, pois hai territorios nos que a alta velocidade chegou hai 30 anos e recibe investimentos a alza.

Por iso, imos seguir negociando co Goberno central para mellorar a posición de Galiza neses orzamentos na súa tramitación parlamentaria, poñendo os intereses dese país por diante, fuxindo tanto da confrontación inútil, como do aplauso acrítico. Non se trata de facer seguidismo de Casado, nin de Sánchez. Trátase do futuro dos galegos e das galegas, de que reciban un trato xusto nos orzamentos do Estado nun momento de crise económica e social sen precedentes. Aí é onde vai estar, sempre, o BNG.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 30 de outubro de 2020.

Logro histórico para Galiza