Opinión

É o tempo do feminismo

8M_1
8M_1

Neste 8 de Marzo, marcado pola folga internacional de mulleres, o BNG lanza unha campaña cun obxectivo claro: expresar que estamos cansas de estar cansas, fartas de ser precarias, de dobres xornadas laborais, de cobrar menos por facer o mesmo traballo, de violencias machistas, en definitiva de ser discriminadas polo feito de ser mulleres. E expresámolo dándolle a réplica a unha campaña paternalista da Xunta, con retranca galega e usando unha expresión popular: «O máis grande de Galiza está até a cona».

O uso da palabra «cona» desatou as iras do PP, con acusacións mesmo do presidente da Xunta, disque «usamos o corpo das mulleres». A miña opinión é que o que lle molesta ao PP é a resposta que damos ao seu paternalismo e ao seu neomachismo, que desafiemos o seu discurso. Alguén pode acreditar que nomear unha parte do noso corpo é usar as mulleres? Canto hai de demagoxia e canto de puritanismo nesta desafortunada acusación?

Dicía Celia Amorós que «conceptualizar é politizar». O feminismo leva conceptualizando desde a súa orixe, sometendo á crítica racional un sistema de pensamento, crenzas e actitudes que pretendían establecer unha orde eterna e universal. Apropiámonos das palabras e resignificámolas.

As sufraxistas na súas vindicacións tamén loitaban contra os prexuízos que pesaban sobre a condición feminina para redefinirnos como condición humana. Prexuízos que non só se estendían á nosa capacidade intelectual, senón tamén ao noso corpo, convertido en tabú. Romper con ese tabú tamén significa resignificar e pronunciar en alto e no espazo público verbas connotadas desde o imaxinario machista. E iso facemos desde o BNG cando dicimos que estamos «até a cona»: resignificar as palabras que se usan para nomear o noso corpo e romper os tabús.

Resulta sintomático que o PP se escandalice pola nosa campaña. A min o que me escandaliza é que teñamos un Goberno da Xunta que incumpre a Lei de Igualdade e a Lei contra a violencia de xénero, que en dez anos non puxo en marcha ningunha medida contra a fenda salarial, que blinda por lei as axudas públicas a centros que segregan por sexo e que durante a crise aplicou todos os recortes que incrementaron a precariedade e a desigualdade das mulleres.

Este 8M as mulleres estamos facendo historia. As galegas abrimos o noso propio camiño para reivindicar un emprego digno, que se cumpra o principio de a igual traballo igual salario, vivir sen violencia e romper cos chans pegañentos e os teitos de cristal. Sen mobilizacións, sen mulleres rebeldes que romperon co establecido, hoxe non teriamos dereito ao voto, nin a divorciarnos, nin a amar a outras mulleres ou decidir non amar a ninguén, nin a decidir libremente sobre o noso corpo.

Por iso o PP ataca a folga, porque ten medo ao cambio que esconde a vindicación feminista. Ten medo porque sabe que foi e é o pulso cívico nas rúas o que marca os cambios sociais. Animo ás galegas a escribir a nosa propia historia, e este 8M deixar claro que o mundo sen mulleres non funciona, e queremos escribir unha nova páxina na historia de Galiza: pasar da igualdade formal á igualdade real.

Dicía a feminista e escritora galega, Begoña Caamaño: «É o tempo do feminismo, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por que non? da felicidade». O espírito destas palabras cobran maior vixencia neste 8 de marzo no que as mulleres faremos historia.

 

Artigo publicado en Luzes o 7 de marzo de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG