Opinión

AP-9, e agora que?

O Parlamento de Galiza aprobou -por segunda vez en catorce meses!- unha proposición de lei reclamando a transferencia da AP-9. É un feito inédito no parlamentarismo galego, e unha boa nova para o noso pobo, pouco afeito a ver unanimidade das súas forzas políticas. Desde o BNG celebramos este paso, toda vez que fomos o motor dun acordo de país co que pretendemos acabar coa estafa legalizada dunhas peaxes que son unha sangría para os petos das persoas usuarias desta autoestrada.

Lamentamos a pinza PP-PSOE-Marea para excluírnos da delegación galega que debe defender esta iniciativa no Congreso. Non semella nin ético nin democrático deixar fóra ao grupo impulsor da iniciativa. En política non vale todo. A democracia non pode reducirse a unha mera fórmula matemática; de ser así, o PP podería acadar dous dos tres representantes da delegación. Mais non caemos no desalento e seguimos a traballar por unha AP-9 galega e libre de abusivas peaxes. A nós impórtanos o resultado.

Neste punto, de seguro moitas usuarias desta autoestrada se preguntan, e agora que? Temos que agardar cos brazos cruzados a que a Mesa do Congreso dea luz verde ao debate? Canto tardará en tramitarse a transferencia: dous, tres anos? Chegará a aprobarse ou naufragará entre a burocracia e os vetos do Partido Popular? Comparto a preocupación e penso que temos a obriga de facer todo o que estea ao alcance da nosa man para evitar o naufraxio.

No Parlamento de Galiza fixemos o noso traballo. Agora é o momento da diplomacia e da negociación política. Feijoo ten, por segunda vez, o aval do 100 % do noso Parlamento para reclamar a transferencia da AP-9. Só ten que erguer o teléfono e solicitarlle ao Goberno amigo de Rajoy que poña a andar a comisión mixta para a transferencia da AP-9. A lei é un instrumento, pero non o único. A cuestión é se Feijoo vai tomar a iniciativa ou vai cruzarse de brazos mentres se anuncian máis subidas no prezo das peaxes.

Desde o BNG seguiremos traballando contra unha situación que non aceptamos como normal e ante a que non nos resignamos. Sabemos que os problemas non se solucionan chiscando os dedos. Mais hai preguntas incómodas que seguen sen ter resposta. Por que aos vascos e cataláns lles transferiron autoestradas similares hai décadas? Por que hai máis de 3.500 millóns de euros para rescatar as radiais madrileñas e cero euros para rescatar aos galegos e galegas das elevadas peaxes da AP-9?

A resposta é sinxela: precisamos ter e facer forza como país e poñer fin a esta situación de agravio que padecemos. Feijoo conta neste tema coa unidade de todas as forzas políticas galegas. Agora é o seu momento. Ou escolle facer realidade o slogan co que pediu o voto -Galicia primeiro- ou se prega unha vez máis ao ditados de Madrid e do PP.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia (13-05-2017)

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG